
Preto de 40 empresas procedentes de diferentes países do mundo daranse cita en TifloInnova 2014 (#TifloInnova2014), unha das tres feiras internacionais máis importantes deste sector, que organiza en Madrid o Centro de Investigación, Desenvolvemento e Aplicación Tiflotécnica (CIDAT) da ONCE, entre o 21 e o 23 de novembro.
TifloInnova é a feira da tecnoloxía aplicada para as persoas cegas ou con discapacidade visual, onde se reúnen fabricantes, desenvolvedores, distribuidores, usuarios, investigadores e profesionais, co obxectivo común de compartir e dar a coñecer toda aquela tecnoloxía existente no mercado mundial dirixida a facilita-la vida de tódalas persoas con discapacidade visual.
A principal novidade nesta edición é que se poden atopar produtos habituais do mercado tecnolóxico que, sen ser específicos para estas persoas, polo seu deseño ou as súas características, fanse especialmente útiles e accesibles á cegueira, como é o caso de Samsung, Olympus ou BQ. De aí, o lema elixido para esta cita "Tecnoloxía para todos, solucións para ti".
Outra das novidades en TifloInnova 2014 é a creación dun espazo común onde desenvovledores de Apps presentarán directamente ao público as súas propostas e solucións de accesibilidade. Sendero GPS, EMT Madrid, ePOMo, Loowi ou Tap TapSee, serán algúns dos participantes no App Space, un mundo de solucións.
Xunto a iso, as empresas especializadas en tecnoloxía adaptada ás persoas con discapacidade visual exporán e realizarán demostracións da ampla gama de produtos existentes: reloxos para persoas sordocegas; material de orientación e mobilidade; impresoras 3D; axudas electrónicas e ópticas; ferramentas de lecto-escritura ou reprodutores de audio, entre outros.
De forma paralela á propia exposición realizaranse demostracións e presentacións de novos produtos, conferencias, mesas redondas, xornadas para usuarios, etc., das diferentes entidades participantes, que nesta ocasión proceden de EE.UU, Polonia, Xapón, Suíza, Canadá, Alemaña, Estonia, Francia, Corea, Reino Unido, Suecia, Holanda, Eslovaquia e España.
Talleres interactivos
TifloInnova 2014 ofrecerá tamén aos visitantes a posibilidade de participar nalgúns talleres e actividades interactivos. Este é o caso do taller de Robótica Educativa, impartido pola empresa LOGiX5, no que os nenos terán a oportunidade de aprender Ciencia e Tecnoloxía de forma divertida co robot OLLO, baixo o enfoque de "aprender facendo".
O Karting para persoas cegas ou con discapacidade visual é outra das ofertas da feira. O público cego poderá converterse en piloto por uns minutos grazas á proposta da empresa Karting Los Molinos e o seu especial sistema de pilotaxe.
Outra opción é a de probar o videoxogo "Fuxindo na escuridade", unha combinación de xogo de acción e aventura, cuxa característica principal é non posuír interfaz gráfica. A interacción realízase a través dun sistema de audio en 3D, un escenario de emisores infravermellos e o mando Wiimote.
Entrada libre e gratuíta
TifloInnova 2014 estará situada no Complexo Deportivo e Cultural da ONCE e instalacións anexas (Paseo da Habana, 208), en Madrid, en horario de 10.00 a 20.00, o 21 e 22 de novembro, e de 10.00 a 14.00, o domingo 23. A entrada é libre e gratuíta para tódolos visitantes.
Para os medios de comunicación que o desexen, existe a posibilidade de realizar calquera tipo de reportaxe, ben experimentada en primeira persoa cos diferentes utensilios que se expoñen, ben acompañando a unha persoa cega que vaia explicando e mostrando a utilidade dos aparellos e ferramentas tecnolóxicas, ou ben como meros visitantes aos que se lles pode ir explicando o que se expón en cada unha das casetas.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/tifloinnova2014_1.png
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()