
A Biblioteca Nodal de A Coruña Miguel González Garcés, en colaboración co Programa de Voluntariado Dixital da Xunta, celebra o vindeiro 12 de novembro un novo obradoiro do seu Ciclo “Falamos de... a informática fácil” na aula CeMIT situada nas súas instalacións.
Trátase do curso de “Correo electrónico Webmail”, de 9 horas de duración, que contará co apoio de David Sotelo Gavilán, voluntario dixital do Programa. Promóveo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Traballo e Benestar. Os interesados en participar poden atopar máis información no seguinte enlace:
http://rbgalicia.xunta.es/coruna/index.php?subApartado=141 [3]
Preto de 20 actividades
O Ciclo “Falamos de... a informática fácil” iniciou a súa andaina o pasado mes de febreiro, co obxectivo de introducir as persoas maiores nas novas tecnoloxías a través de actividades formativas de moi curta duración e cun carácter eminentemente práctico.
Dende o seu comezo, desenvolveu xa 18 actuacións, todas elas gratuítas, das que 14 contaron coa participación de voluntarios e voluntarias dixitais. Así, os participantes puideron adquirir coñecementos sobre as redes sociais, o correo electrónico, o uso seguro de internet ou o retoque fotográfico entre outras.
O pasado 5 de novembro comezou a primeira actividade das previstas para este mes co curso “Creación dun blog con Wordpress”, impartido por Tania Carreira Rial, voluntaria tamén do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta.
Biblioteca comprometida coas TIC
A Biblioteca Pública Miguel González Garcés comezou a súa participación no Programa de Voluntariado Dixital como Entidade de Acción Voluntaria hai 1 ano e leva desenvolvidas 14 actividades ao abeiro desta colaboración.
Ademais de ofrecer cursos de alfabetización dixital de programación propia, colabora coa Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información en Galicia no marco da Axenda Dixital 2014.gal.
Programa de Voluntariado Digital
O Programa de Voluntariado Dixital é unha iniciativa posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e que conta xa con máis de 400 persoas voluntarias. Ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente dos colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.
A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas. Neste momento 70 Entidades de Acción Voluntaria que colaboran co Programa de Voluntariado Dixital para promover accións de alfabetización dixital que faciliten a e-inclusión da sociedade e diminúan a fenda dixital.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/bibliotecaCoruña.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://rbgalicia.xunta.es/coruna/index.php?subApartado=141