
O novo proxecto de Microsoft vai dirixido a mellora-la experiencia urbana das persoas con problemas de visión. A compañía acaba de anunciar unha colaboración con Future Cities Catapult, unha iniciativa do Goberno británico, e a organización benéfica Guide Dogs, para desenvolver uns auriculares inalámbricos de condución ósea que integran un sistema audio 3D desenvolvido polos investigadores de Microsoft.
Cando se deu a coñecer hai uns meses, a tecnoloxía de son 3D creada por Ivan Tashev e David Jonson víase máis adaptada para os dispositivos de realidade virtual coma o Oculus Rift, xa que prometía crear sensacións únicas a través dunha ilusión de que a percepción real dos sons proveñen de distintos puntos de espazo. Agora, a idea atopou unha nova aplicación dirixida a axudar ás persoas invidentes a moverse con máis liberdade pola cidade facendo uso do seu smartphone e uns cascos especiais que, ademais de integra-lo sistema audio 3D, transmiten o son directamente aos nervios auditivos a través dos ósos craniais.
Así é como funciona. O dispositivo colócase coma se fose un casco, pero, en lugar de cubri-los oídos, só toca os ósos da mandíbula, transmitindo os sons e os sinais de navegación verbais a través de vibracións directamente ao oído interno. Ao mesmo tempo, os usuarios non quedan illados do exterior, como normalmente pasa cando levamos cascos, senón que estes poderán escoitar o ruído ambiental ou ter unha conversación sen ter que quitalos.
Iso si, o máis importante é que estean conectados a un dispositivo Windows Phone para detecta-los sinais da rede de sensores repartidos pola cidade. Desta forma, o sistema creará un mapa audio que pode proporcionar a unha persoa con deficiencia visual a información contextual que necesita para orientarse con maior facilidade fóra da súa casa. Por exemplo, cando camiña a persoa escoitará un son moi parecido a un clic que lle indicará cando chega a unha esquina, recibirá advertencias sobre obxectos que atopa ao seu paso, pero tamén datos sobre a xeolocalización, lugares de transporte público ou outros puntos de interese, posto que algúns dos mapas xéranse con Bing e Google Maps.
Os desenvolvedores de Microsoft cren que un sistema así non só axudará ás persoas invidentes a moverse pola cidade, senón que tamén lles permitirá conectar máis coa súa contorna durante a viaxe. De momento, o dispositivo está en fase de prototipo e estase a probar con éxito nunha ruta especialmente creada entre Londres e outra cidade próxima. Os primeiros resultados mostran un apoio por parte de máis da metade das persoas que participaron no ensaio. Estas declararon que leva-los auriculares de condución ósea aumentoulles o sentimento de seguridade e confianza. Para os impulsores do proxecto o interese que demostraron convértese nun motivo máis para acelera-la finalización do seu proxecto.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/cascos.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()