
O proxecto "Dedos", que a través de dispositivos táctiles favorece a aprendizaxe de persoas con discapacidade intelectual, foi elixido "Mellor Proxecto TIC Educación Inclusiva, Igualdade e Diversidade" nos Premios á Innovación Educativa de SIMO Educación 2014.
"Dedos" (www.facebook.com/dedosmt [3]) é un proxecto onde colabora o grupo LITE da Universidade Rei Juan Carlos, o grupo AmiLab da Universidade Autónoma de Madrid e a Fundación Síndrome de Down de Madrid e a súa finalidade é facilitar a creación de actividades educativas individuais e colaborativas que poden ser realizadas en múltiples dispositivos como PC, encerados dixitais, tabletas ou mesas multicontacto.
Os investigadores do equipo presentaron o pasado fin de semana en SIMO Educación os resultados de dúas experiencias con alumnos con discapacidade intelectual da Fundación Síndrome de Down de Madrid e alumnos con Trastornos do Espectro Autista (TEA) do colexio Leo Kanner.
En ámbalas experiencias usábase unha mesa multicontacto similar ás tabletas dixitais xigantes onde os alumnos poden colaborar nun único dispositivo usando as súas mans e sen necesidade de dispositivos intermedios como o rato ou o teclado.
Estes dispositivos táctiles favorecen a aprendizaxe das persoas con discapacidade facendo que se centren na tarefa que desenvolven e poidan colaborar e aprender dos seus compañeiros. Os resultados de ambas as experiencias mostran que os alumnos aprenden coa inclusión destas novas tecnoloxías e, ademais, existe unha influencia clara do modo de interacción no proceso de aprendizaxe dos mesmos debido a que son máis conscientes das accións dos compañeiros cando se atopan colaborando por quendas fronte a unha interacción simultánea.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/dedos.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.facebook.com/dedosmt