
Próteses con tecnoloxía de impresión 3D, creadas por un enxeñeiro da Universidade Nacional de Colombia devolven o sorriso a nenos afectados pola amputación ou malformación xenética dunha das súas extremidades superiores. Con 250.000 pesos que saca do seu propio peto, o enxeñeiro Christian Silva equipa aos nenos en condición de discapacidade, con mans feitas á medida dos seus soños. Para isto, os únicos requisitos que esixe é ser unha persoa de escasos recursos e ter interese en ingresar ao proceso de adaptación.
O experto traballa en particular con nenos entre tres e dez anos, porque a estas idades lógrase unha porcentaxe moi alta de adaptación. A pesar diso, ese non é un requisito exclusivo, pois tamén se poden beneficiar persoas en etapa laboral. O mozo profesional recoñece que se require delicadeza para tratar con nenos e pais primerizos que chocan súbitamente con este problema e que deben adaptarse ao proceso sen ningún trauma adicional. O camiño iníciase coñecendo o caso, dilixenciando un formulario e establecendo unha relación de empatía persoal e de confianza co pequeno e a súa contorna.
"Un dos aspectos que máis reitero é que en ningún momento se vai a pedir retribución económica. Agora teño un bo traballo coa Universidade e dentro das miñas posibilidades podo proporcionarlle benestar a xente que necesita apoio", subliñou o enxeñeiro Silva.
A iniciativa puido facerse realidade a través do convenio con tres empresas: dúas, de egresados da Universidade Nacional (Prototype 3D e Matriz Humana) e unha, da Universidade dos Andes (Bogohack), as cales apoian a elaboración das próteses para os pacientes identificados e aos potenciais.
A man mecánica apóiase nun mecanismo de poleas. O seu deseño realízase mediante un prototipo estable e de fácil colocación. Está construída cunha impresora 3D, o que fai que o custo sexa mínimo, ademais, a súa funcionalidade é comparable coa das próteses mioeléctricas que se venden no mercado a un custo 200 veces superior, é dicir, de 20.000 a 40.000 dólares aproximadamente.
"O proceso podería tardar un día, pero por motivos laborais demórome de un a dous meses", sinala o investigador, quen aínda non dispón dun escáner 3D portátil, para realiza-las medidas máis rápido, nin dunha impresora de última xeración, o que lle impide imprimir todo nunha soa peza.
O tamén membro do grupo de investigación en Biomecánica da U.N. explica que o dispositivo está composto de ABS (acrilonitrilo butadieno estireno) nos dedos e o soporte. Para evitar o contacto directo co toco utilízase un material especial para ortopedia que non produce reaccións alérxicas e evita calquera rozamento ou dano na pel; e para os tendóns implementouse nailon, que permite realiza-los movementos.
O investigador lembra que nunha primeira versión fornecéronse algunhas próteses metálicas, pero o seu elevado peso e o seu alto custo fixeron inviable seguir co proxecto. "Actualmente estou implementando avances como o filamento de nailon, un material máis resistente e robusto, co que se logrou aumentar a calidade do produto", destaca o enxeñeiro.
Rehabilitación da musculatura e das articulacións
Mediante este artefacto ortopédico, o paciente consegue a rehabilitación da musculatura e das articulacións que se deixaron de usar pola amputación, trauma ou dano conxénito. Así mesmo, adquire maior funcionalidade da súa extremidade, xa que recupera as funcións básicas da man, tales como movementos de pinza e agarres.
Colombia ten actualmente 2.632.255 persoas con discapacidade, correspondentes ao 6,4% da poboación. O 79% atópase en estratos 1 e 2, tan só o 3 % finaliza a secundaria e unicamente o 13% dos que se atopan en idade produtiva teñen acceso ao mundo laboral.
"O noso único propósito é mellora-la calidade de vida das persoas que teñan a necesidade dunha prótese de man e deposita-lo noso gran de area en responsabilidade social, aplicando os coñecementos adquiridos na U.N., en prol do beneficio e desenvolvemento de Colombia e con miras a motivar a outras persoas a que se unan a este tipo de iniciativas", afirmou o investigador.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/niñoprotesis.png
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()