
Dous equipos de investigadores de Universidades de Suecia e EE UU realizaron avances no desenvolvemento de próteses biónicas para persoas amputadas. O obxectivo de ámbolos grupos é dotar a estas próteses dun control intuitivo, liberdade de movementos e sentido do tacto similares aos das extremidades naturais. Os resultados de ámbalas investigacións publícanse no último número da revista Science Translational Medicine.
Un destes desenvolvementos foi un prototipo de man biónica que logra recuperar a sensación do tacto. A investigación estivo liderada por Max Ortiz Catalan, un investigador mexicano que traballa no grupo de Sinais e Sistemas Biomédicas da Universidade de Tecnoloxía Chalmers, en Gotemburgo (Suecia).
Ortiz e o seu equipo lograron que Magnus, un paciente co brazo amputado por encima do cóbado, poida volver a realizar o seu traballo como camioneiro e os súas demais actividades cotiás con esta prótese de integración ósea, creada por Rickard Brånemark, do Hospital Universitario Sahlgrenska, e un dos autores do estudo.
Segundo explica a Sinc Max Ortiz Catalan, "o paciente agora ten un rango completo de movemento, a prótese funciona en calquera tipo de clima, pode facer manobras violentas sen que o brazo artificial se active involuntariamente e non hai ningún compoñente que faga presión sobre a pel. Algo que non era posible coa tecnoloxía de prótese convencional".
Todo tipo de tarefas
O científico sinala tamén que "tras a cirurxía, o paciente foi capaz de realizar todo tipo de tarefas, desde conducir o seu camión a coller ovos ou atar os patíns dos seus fillos. Ir máis aló do laboratorio para permitir ao paciente afrontar os retos do mundo real é a maior contribución deste traballo", destaca.
O brazo artificial está conectado directamente co esqueleto para conseguir máis estabilidade. O sistema de control biolóxico do ser humano, composto por músculos e nervios, interactúa coa máquina mediante eléctrodos neuromusculares. "Isto crea unha íntima unión entre o corpo e a máquina", engade o experto.
Para Ortiz Catalan, a probabilidade de que a integración ósea produza rexeitamento é moi baixa. "A biocompatibilidade dos materiais que usamos é alta e foron utilizados durante anos en diferentes aplicacións en humanos, polo que a posibilidade de rexeitamento é a mesma que a dos implantes dentais".
O investigador ve nesta tecnoloxía un importante paso cara a un control máis natural das próteses de extremidades. "Xa non é ciencia ficción, é unha realidade moi tanxible para o paciente, e serao para as persoas que tratemos a partir de finais de ano".
Man biónica táctil
O outro traballo, que se presentou en Science Translational Medicine, levouno a cabo un grupo da Universidade Case Western Reserve (Ohio, EE UU) que conseguiu a recuperación da sensación do tacto en dous pacientes amputados mediante a implantación de prototipos de mans biónicas.
Un dos maiores logros do desenvolvemento foi conseguir que esta sensación táctil se manteña durante os dous anos que durou a investigación. Isto foi posible grazas a uns eléctrodos que conectan a man biónica co brazo e co cerebro.
A función destes eléctrodos é detectar a presión que exerce o obxecto ao contacto coa prótese. Esta información é enviada ao cerebro convertida en impulsos eléctricos, grazas a uns algoritmos deseñados polos investigadores e que tamén permiten coñece-la localización dos obxectos.
Os científicos contan que a un dos pacientes, Igor Spetic, o algodón sempre lle provocou calafríos. Despois de tocar a cegas unha bóla deste material coa prótese notou como se lle erizaba a lanuxe. "Souben inmediatamente que era algodón", declara Spetic.
Pola súa banda, Keith Vonderhuevel, outro paciente do estudo, foi capaz de extraer os talos de uvas e cereixas que sostiña a cegas. "O noso obxectivo non é só restaurar a funcionalidade, senón construír unha reconexión co mundo", di Dustin Tyker, profesor de biomedicina da universidade estadounidense e autor principal.
Para toda a vida
Ademais, ambos os pacientes sufrían unha dor pantasma da zona amputada desde a perda do membro. Spetic definía esta sensación "como un parafuso atravesando o puño pechado".
Os autores destacan que esta dor desapareceu case completamente ao recuperar os pacientes a sensación de tacto.
Debido a mellora continua dos seus pacientes e a prolongación dos efectos da prótese no tempo, os investigadores teñen a esperanza de que o método poida ser usado para sempre e implantarse a gran escala nun prazo de cinco anos.
"Esta tecnoloxía tamén podería ser utilizada en próteses de pernas que recoñezan distintos tipos de chan e se adapten a superficies irregulares", indican.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/mano-bionica.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()