
Un grupo de cirurxiáns dun hospital de Nova York destacaron a relevancia que tivo a capacidade de imprimir un corazón en 3D para salvar a vida dun pequeno bebé de dúas semanas que necesitaba ser sometido a unha complicada operación cirúrxica.
Este grupo de doutores imprimiu un corazón 3D a partir dos datos obtidos nunha imaxe de resonancia magnética do corazón do bebé. O devandito órgano estaba moi danado e esa reprodución do órgano en 3D permitiu aos doutores estudalo e desenvolver unha estratexia detallada antes de operar.
"O corazón do neno tiña buracos, que non son estraños en nenos con cardiopatía conxénita, pero as cámaras do corazón tamén tiñan unha formación estraña, case como as dun labirinto", comentaba o Dr. Emile Bacha, un dos responsables do tratamento. "No pasado teriamos que parar o corazón e observar o seu interior para saber que facer. Con esta técnica tiñamos un mapa de estradas que nos guiaba. Fomos capaces de reparar o corazón do bebé cunha única intervención", continuaba este cirurxián.
Isto supón un avance notable para as cardiopatías conxénitas, e volve demostrar a capacidade que ten a impresión 3D de ser un elemento importante en todo tipo de tratamentos e procedementos médicos. De feito, xa vimos no pasado como eses órganos impresos en 3D axudan aos cirurxiáns a planificar operacións, pero tamén como eses órganos -estimábase que este ano chegaría un fígado deste tipo- poden acabar sendo substitutos dos reais en operacións de transplantes de órganos.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/corazon-3d.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()