
EIC BBK é un centro de I+D promovido pola Fundación Síndrome Dravet centrado no desenvolvemento de solucións baseadas nas tecnoloxías para mellorar a vida das persoas enfermas e os seus familiares. O seu equipo de investigadores ten en marcha o proxecto Queremos durmir, un sistema de detección de convulsións pensado para facilitar a vixilancia durante a noite de nenos e nenas que sofren Síndrome de Dravet ou patoloxías similares. Este detector está baseado na tecnoloxía de Microsoft Kinect 2.0, utilizando o dispositivo multisensor para monitorizar movementos, sons e parámetros da persoa enferma e dar avisos temperáns se se produce un ataque epiléptico mentres está durmida.
O proxecto apareceu recentemente nun artigo da revista Forbes como unha das 10 ideas de negocio innovadoras que mostran o potencial da tecnoloxía Xbox Kinect noutras áreas que van máis aló dos videoxogos. Xunto á iniciativa Queremos durmir de EIC BBK, destácanse outros proxectos en sectores como a mercadotecnia, a educación ou a visualización de Big Data. Entre eles está o sistema de demostración de avións Boeing 737 para os departamentos de compra da empresa, o uso de Kinect por parte de Bloomingdale's para que os clientes poidan ver como queda a roupa sen probarlla, ou a empresa Kaplan, que utiliza estas tecnoloxías para conseguir procesos de aprendizaxe máis divertidos e activos co alumnado.
O proxecto Queremos durmir responde a unha grave problemática que sofren as familias dos nenos e nenas afectados por Síndrome Dravet. Esta enfermidade provoca ataques epilépticos moi frecuentes, que se intensifican cando a persoa está durmida e iso fai que as familias pasen moitas noites en vela vixiando aos seus fillos para detectar as crises epilépticas a tempo. O sistema desenvolvido por EIC BBK utiliza Kinect 2.0 para realizar estes labores de monitorización grazas aos seus sensores e emite alertas ao móbil dos coidadores cando detecta algún síntoma de ataque epiléptico. Actualmente o equipo está a ultimar o seu desenvolvemento e espera empezar coas probas en familias a finais deste ano.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/306_HTDR_29.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()