
Alto II é un teléfono móbil simple que ofrece prestacións moi básicas e que foi desenvolvido para satisfacer as necesidades de persoas maiores ou con poucos coñecementos tecnolóxicos que ademais, teñan discapacidade visual, auditiva ou cognitiva. Trátase dun terminal de tapa deslizante, que incorpora un teclado numérico clásico e está pensado para facer e recibir chamadas ou mensaxes de texto.
O teléfono mide 102 x 25,8 x 22 mm e pesa 120 gramos. A pesar de ter unha pantalla de tan só 2,2 polgadas con 176 x 220 píxeles de resolución, o contido móstrase con suficiente nitidez. Este terminal non incorpora Bluetooth, conexión a Internet nin servizo de GPS. Tampouco ten cámara fotográfica.
Análise da accesibilidade
Visión
O Alto II é accesible para persoas cegas, xa que vén de fábrica cun sistema de saída de voz. Non é necesario que o usuario teña que descargar nin activar nada tras o primeiro aceso. Outra característica favorable a estes usuarios é que as teclas de colgar e descolgar están acompañadas por un texto en Braille.
Así mesmo, este teléfono pode ser moi útil para unha persoa con baixa visión. Aínda que non incorpora un magnificador de pantallas, vén con letras grandes e con cores de alto contraste. Ademais, estes usuarios poderán personalizar o brillo da pantalla e invertir as cores do primeiro plano e do fondo.
Audición
O dispositivo é compatible con audífonos. Segundo o fabricante, ten unha clasificación de compatibilidade de M3 (micrófono) e T3 (Telebobina). Aqueles usuarios que utilicen próteses auditivas non deberán ter ningún problema. Con todo, poida que encontren dificultades para conectar un bucle magnético xa que este teléfono non vén cunha clavixa Jack 3,5 nin con Bluetooth.
As persoas con audición nula poderán enviar e recibir mensaxes de texto. En cambio, non poderán realizar videochamadas, xa que o terminal carece de cámara fotográfica.
Mobilidade
O Alto II non é accesible para persoas con dificultades para a manipulación. Aqueles con limitacións severas non terán unha experiencia moi satisfactoria, xa que o dispositivo non incorpora recoñecedor de voz nin é compatible con algún software que provea este servizo. Tampouco permite utilizar apuntadores físicos.
Os usuarios con dificultades moderadas tampouco poderán utilizar este dispositivo con comodidade. O teléfono non incorpora texto predictivo, nin sistema de mans libre nin posibilidade para o auto-resposta de chamadas, entre outros.
Ademais, algúns usuarios con este perfil de discapacidade poden ter dificultades para desliza-la tapa do teléfono.
Comprensión
Este dispositivo é moi adecuado para unha persoa con dificultades de comprensión. A diferenza de moitos teléfonos móbiles da súa categoría, non incorpora iconas o que facilitaría moito o uso a estes usuarios.
Ademais, as instrucións de configuración son sinxelas e están redactadas nunha linguaxe simple. Con todo, un aspecto desfavorable para os usuarios con discapacidade é que a documentación que achega o fabricante na súa web, aínda que está estruturada para lectores de pantalla, non está dispoñible en castelán.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/alto_ii.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()