
A Federación Down Galicia, en colaboración co Programa de Voluntariado Dixital da Xunta (Voldix), promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Voluntariado, organizan unhas xornadas formativas sobre manexo básico en ferramentas ofimáticas de follas de cálculo para impartir entre os traballadores e traballadoras das súas entidades membro.
Trátase dunha actividade que Down Galicia inclúe no seu plan de formación continua para o seu equipo profesional. Esta actividade en concreto ten por obxectivo dotar á súa plantilla de traballadores dos coñecementos técnicos que precisan para manexar con solvencia este tipo de ferramentas, fundamental no día a día dos seus postos de traballo. Unha formación básica e necesaria, pero ás que moitos profesionais non accederan de xeito formal por non ser específica da súas áreas de traballo.
Para a realización destas xornadas Down Galicia contará con persoal propio, sete voluntarios dixitais e persoal da empresa TIC 3.14 Financial Contents, mecenas dixital adherido ao programa VolDIX.
As entidades Down nas que se impartirá a formación son “Teima” Down de Ferrol, Down Ourense, Down Coruña, Down Compostela,Down Lugo, Down Pontevedra “Xuntos” e Down Vigo.
Mecenazgo Dixital no marco da RSE 3.14 Financial Contents, é unha empresa de consultoría tecnolóxica e desenvolvemento de software ubicada en Ferrol que colabora co Programa de Voluntariado Dixital como mecenas dixital dende a súa posta en marcha, sendo a primeira empresa do sector TIC que se adheriu ao Programa.
Programa de Voluntariado Dixital
A formación será impartida co apoio dalgunhas das preto de 400 persoas que colaboran como voluntarias dixitais no Programa de Voluntariado Dixital. Esta iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.
A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas. Neste momento 20 empresas do sector TIC colaboran co Programa de Voluntariado Dixital como Mecenas Dixitais a través de distintas liñas de actuación como Voluntariado Corporativo, formación de consumidores/usuarios, doazón de bens capitais, cesión de uso de espazos TIC ou apoio á comunicación, entre outras.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/downgal0.gif
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()