
Movernos pola cidade é unha necesidade para levar a cabo as tarefas do día a día. Coa idade téndese a abandonar o vehículo privado para facer uso cada vez máis do transporte público. Con todo, saber que autobús é o máis adecuado para achegarse ao centro ou cando hai que facer transbordo non sempre é tarefa sinxela. As persoas maiores téñeno agora moito máis fácil xa que o centro de investigación TECNALIA desenvolveu unha aplicación que ofrece a mellor alternativa para cada traxecto, facilitando información clara e sinxela.
Trátase dunha aplicación dispoñible tanto para computadores como para teléfonos intelixentes, na que o usuario tan só ha de introducir un punto de partida e o lugar de destino. De forma instantánea, a ferramenta ofrece na pantalla a mellor alternativa, cos datos do transporte público que ha de tomarse, así como coas indicacións precisas se é necesario cambiar de ruta ou de medio de transporte.
O asistente informa ademais o usuario da duración do traxecto, de cando ha de baixarse do vehículo e mesmo alerta sobre posibles incidencias que puidesen rexistrarse durante o percorrido, axudándolle a adaptar a súa viaxe en tempo real. Deste xeito, evítase que os usuarios se topen con escaleiras ou outras barreiras arquitectónicas que dificulten a súa marcha se fose necesario.
O proxecto, en fase de desenvolvemento, foi probado con éxito por usuarios de 65 a 90 anos en Donostia, en Helsinqui (Finlandia) e Viena (Austria). Para testar a aplicación, TECNALIA contou coa colaboración de DBUS, a Compañía do Tranvía de Donostia que ofrece servizo de transporte público regular aos viaxeiros na cidade.
Esta ferramenta forma parte dun proxecto europeo, liderado por TECNALIA, e no que participan Citruna Technolgoies OY (Finlandia), E-Seniors (Francia), Transport & Travel Research Ltd (Reino Unido), University of Vienna (Austria) VTT Technical Research Centre of Finland (Finlandia), Fara OY (Finlandia) e IN2 como subcontratado (Reino Unido). Prevese que a aplicación final estea lista en 2015, cando entidades públicas como concellos e deputacións, así como entidades privadas poderán incorporala aos seus servizos habituais.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/l_foto-assistant.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()