
Fundación ONCE e HP asinaron en Madrid un Convenio Inserta para facilitar, entre outros aspectos, a incorporación de 15 persoas con discapacidade durante o próximos tres anos no persoal da compañía tecnolóxica máis grande do mundo.
O acordo, que foi subscrito pola presidenta de HP para España e Portugal, Helena Ferreiro, e o vicepresidente executivo de Fundación ONCE, Alberto Durán, forma parte das accións que está a desenvolver Fundación ONCE no marco do Programa Por Talento para a formación e o emprego das persoas con discapacidade, coa cofinanciación do Fondo Social Europeo.
Helena Ferreiro, presidenta de HP para España e Portugal afirmou que "estamos encantados de continuar coa sólida relación que mantemos coa Fundación ONCE desde hai anos e seguir contribuíndo á accesibilidade universal das persoas con discapacidade. Estamos convencidos que coa incorporación destes profesionais somos máis competitivos e aumentamos a nosa achega á sociedade. Este convenio foi posible grazas á nosa aposta pola innovación en todos os ámbitos empresariais, en todas as dimensións e á posibilidade de compartir esforzos cunha organización tan innovadora socialmente como é a Fundación ONCE".
Pola súa banda, Alberto Durán sinalou que "este acordo, ademais de supoñer unha oportunidade para incorporar persoas con discapacidade á contorna laboral de HP, tamén o é para arbitrar solucións tecnolóxicas e ofertas nas que podamos combinar algunhas das ferramentas que temos coas de HP, que son moitísimas máis".
Ámbalas dúas entidades colaboran desde hai moitos anos para promover a inserción laboral das persoas con discapacidade. En 2013, HP asinou un acordo con Fundación ONCE polo que, ademais de favorecer a incorporación directa ao mercado laboral deste colectivo, colabora con empresas do Grupo Fundosa na distribución de equipamento informático e servizos tecnolóxicos, así como na adquisición de bens e a contratación de servizos a centros especiais de emprego.
Coa firma deste convenio HP participa no Plan "Non te Rendas Nunca", unha iniciativa de Fundación ONCE para fomentar o emprego entre os mozos con discapacidade.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/convenio_hp.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()