
Un total de 14 proxectos de entidades prestadoras de servizos sociais de Galicia foron seleccionados pola Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, entidades que os financiarán con 150.000 euros. Trátase da primeira convocatoria de proxectos impulsada conxuntamente por ambas as entidades, e que foi creada para complementar os beneficios do programa "Más Social".
O obxectivo é facilitar apoio económico a proxectos de entidades participantes en "Más Social", un programa de fortalecemento do Terceiro Sector galego que a Fundación Barrié desenvolve desde fai tres anos, e ao que se incorpora por primeira vez a Fundación Roviralta. Esta iniciativa pretende promover un modelo de acción social economicamente sustentable, que facilite a estas organizacións medios para optimizar a súa xestión.
Entre os proxectos presentados, priorizáronse aqueles que promoven a integración social de colectivos en situación de exclusión, así como os máis innovadores e con capacidade de replicarse noutras entidades, e por tanto de multiplicar o seu impacto social. Entre eles, atención psicolóxica a persoas sen teito, un novo servizo de acceso á información para persoas con discapacidade auditiva, equipamento informático para romper a fenda dixital en colectivos en risco de exclusión, adquisición de vehículos de transporte adaptado ou a creación dun modelo de intervención en persoas con dano cerebral.
Destaca, entre eles, a posta en marcha dun "Punto de información da demencia", unha iniciativa de Afaco (A Coruña) e Afaga (Vigo).
Os 150.000 euros distribúense con dotacións entre 3.000 e 17.000 euros por proxecto.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/mas_social.gif
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()