
Os responsábeis de Doafund.com, servizo-comunidade para evitar mediante doazóns e patrocinios o desafiuzamento das familias, comunicaron esta semana a introdución dunha serie de novidades no seo da plataforma. As melloras aplicadas abranguen múltiples eidos, dende a seguridade (con perfís de usuarios que agora só son visíbeis para os usuarios rexistrados, ou co requirimento de estamos identificados para realizar patrocinios) até a usabilidade, pasando pola propia feitura visual da web. Como lembraremos, a primeira versión de Doafund.com lanzouse en 2012 da man de dous profesionais galegos. Ao longo deste tempo, a web foi acubillando milleiros de usuarios comprometidos con botarlles unha man ás familias en risco de perder o seu fogar.
Chegados a este punto, logo de ter axudado a ducias de fogares e acubillado cada vez máis internautas doantes, constatouse “que a web precisaba dunha serie de cambios”. As modificacións introducidas, amais da seguridade, tamén afectan ao seu nivel de uso. Por exemplo, introducíronse funcións para que os nosos navegadores lembren os nosos rexistros no futuro (se así o desexamos) ou para simplificar ao máximo o rexistro de novos usuarios. Tamén se fixo máis sinxelo o proceso de lembrar o contrasinal e, ademais, a funcionalidade de asociar contas esta dispoñíbel en calquera intre. Polo que respecta ao noso aspecto visual, a idea foi amosar “unha web máis agradábel para os internautas, para iso suprimiuse a anterior páxina de inicio e renovouse a fondo o estilo”. Noutro plano de cousas, indicar que tamén se optimizou a presentación dos correos, acorde ao estilo da web. Por outra banda poderemos gardar os datos dos nosos certificados fiscais no noso perfil para que estes sexan empregados en cada un dos nosos patrocinios.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/doafund_nova_web-f42ee.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()