
O 90% das aplicacións dispoñibles nas distintas tendas virtuais non están pensadas para persoas con problemas de mobilidade. Así o asegurou Antonio Cantalapiedra, director xeral de Mytaxi España, durante unha mesa redonda sobre acceso a servizos a través de tecnoloxía móbil, organizada polo Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (CENTAC). Por iso, Mytaxi "está adaptada a todas as tecnoloxías e lectores de voz dispoñibles e busca integrar a todo o mundo", explica o seu responsable. "As aplicacións teñen que estar enfocadas tamén para persoas con discapacidade e poden compaxinar usabilidade e accesibilidade con rendemento comercial", admite Cantalapiedra.
Taxi: servizo público
Con Mytaxi o usuario pode, entre outros, solicitar un eurotaxi adaptado para persoas con cadeiras de rodas, ver o percorrido, elixir o condutor e comprobar o tempo de espera ata que chegue o seu taxi. "É unha aplicación legal, con vocación de servizo público, colaboradora e transparente que conecta o usuario co taxista sen intermediarios". En España funciona en Madrid e Barcelona e conta cunha frota de 4000 taxis, pero tamén está implantada en Estados Unidos. "O colectivo do mundo do taxi está moi a favor de Mytaxi porque transformamos o sector e achegamos valor", recoñece Cantalapiedra.
Con respecto a outros sistemas de desprazamento, o director de Mytaxi España cre que "hai aplicacións para taxis que non ofrecen un servizo público". "O conflito é se coches privados que utilizan estas tecnoloxías para transportar persoas teñen seguros, licenzas ou pagan regulación". Hoxe en día, "existe tecnoloxía para que os taxis non estean a vagar polas rúas e xerando contaminación", puntualiza.
Prospectos accesibles
Outra das aplicacións móbiles que se presentaron na mesa redonda de CENTAC é Medicamento Accesible Plus, impulsada pola Fundación Vodafone España. Segundo Mari Satur Torre, directora de Innovación da Fundación Vodafone España, "os prospectos dos medicamentos son unha barreira para persoas maiores, cegas ou con problemas de visión". Por iso Medicamento Accesible Plus é unha aplicación gratuíta dirixida a pacientes que permite acceder de forma accesible á información dos medicamentos.
"Recoñece o código de barras do medicamento, pero tamén permite buscar nome tanto en texto como voz", explica Torre. A aplicación, compatible con outros produtos de apoio, lanzouse en febreiro de 2014, ten ao redor de 8000 descargas e utiliza a base de datos do Consello Xeneral de Colexios Farmacéuticos. Conta tamén co aval de Farmaindustria e a Axencia Española do Medicamento. "É importante estar avalados por entidades para "evitar riscos", admite a directora de Innovación de Fundación Vodafone España.
Xestión das emerxencias
Pola súa banda, Eugenio Herrero, creador de SafetyGPS, explicou que é unha aplicación que pon en contacto entidades cos usuarios "para que estean máis informados". "É a única plataforma de emerxencias accesible en España e estase a usar para conectar a persoas con concellos", indica o seu creador.
SafetyGPS é "moi versátil" e permite ás persoas con discapacidade "participar máis da súa cidade". "Unha persoa xorda non ten acceso ao 112 de Emerxencias", lamenta Herrero. Con SafetyGPS a administración pode enviar mensaxes á poboación. É gratuíta, hai 50 concellos españois probándoa, funciona en toda Europa e está implantado en Alcorcón, Madrid, "un referente no mundo das emerxencias", segundo Eugenio Herrero.
A este respecto, Cristina Rodríguez, doutora en Informática na Universidade Rei Juan Carlos declarou que en situacións de emerxencia morren polo menos o dobre de persoas con discapacidade que sen discapacidade", de aí a importancia de traballar neste campo.
Rodríguez presentou o proxecto Ver coas mans, un sistema de guiado para que unha persoa, "con ou sen discapacidade" se mova pola cidade. Para a responsable I+D do proxecto, "a guía está pensada para espazos interiores e exteriores". Naceu co obxectivo de fomentar o turismo interactivo pero "tamén pode servir como servizo público", asegura Rodríguez. En situacións de emerxencia propón itinerarios para evacuar un edificio, "xa que as persoas con discapacidade teñen máis problemas", declara. A aplicación, á súa vez, pretende potenciar as smartcities e o concepto de cidadán empoderado que se move de xeito autónomo e libre pola cidade", conclúe, Cristina Rodríguez.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140704_Centac.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()