
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, salientou hoxe que Innova Saúde e Hospital 2050 supoñen o maior proxecto de innovación sanitaria de Galicia e permitirán ao Servizo Galego de Saúde desenvolver un modelo asistencial baseado nas novas tecnoloxías, o que posibilitará mellorar a súa eficiencia e calidade asistencial, garantindo a sustentabilidade do sistema.
Na súa intervención no Fórum Nueva Economía destacou que cada un destes proxectos conta cun orzamento de 45 millóns de euros procedente nun 80% do Fondo Tecnolóxico Feder.
Deles, a conselleira sinalou que “non só son temas sanitarios, aínda que indubidablemente son por e para mellorar o sistema sanitario galego: son proxectos que esperamos contribúan á potenciación e desenvolvemento das empresas galegas e á súa internacionalización”.
Compra pública innovadora
Na súa intervención, a conselleira remarcou que 15 das adxudicacións realizáronse mediante a modalidade de compra pública innovadora, por un importe de máis de 17 millóns de euros. Así mesmo, destacou que no 73% delas participaron empresas galegas, e no 80% delas está presente unha peme.
A titular da carteira sanitaria do Executivo galego fixo referencia tamén ao Premio Nacional de Innovación, na modalidade de Compra Pública Innovadora, concedido polo Ministerio de Economía e Competitividade ao Sergas, como recoñecemento ao labor realizado neste campo.
Atención sanitaria cada vez máis centrada no paciente
Segundo explicou, o proxecto H2050 ten como obxectivo conseguir o modelo de hospital do futuro: seguro, sostible, eficiente, respectuoso co medio e aberto ao uso racional e avaliador das novas tecnoloxías. Das 49 actuacións que forman o proxecto, 33 xa están contratadas, 3 licitadas e 13 en fase de estudo. Un centenar de profesionais do Sergas traballan na súa execución.
Máis alá do entorno hospitalario, engadiu a conselleira, o Sergas traballa para xerar solucións que fagan posible novos modelos dunha atención sanitaria cada vez máis centrada no paciente e as súas necesidades, e os 14 subproxectos englobados en Innova Saúde perseguen este obxectivo. Estes subproxectos están compostos de 93 actuacións das que 65 están contratadas, 5 licitadas e 23 en fase de estudo. Na súa execución están a traballar un total de 177 profesionais do Sergas.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140616_Sanidade.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()