
A Universidade da Coruña, a través da súa Oficina de Cooperación e Voluntariado, fixo entrega onte dun novo lote de material informático e de mobiliario con destino ao Instituto de Liderado de Las Segovias (Nicaragua). O lote está formado por catro palés nos que se inclúen monitores, teclados, CPU, ratos, mesas de estudo e cadeiras que quedaran en desuso, pero en bo estado, nos campus da Coruña e de Ferrol e permanecían nos almacéns da UDC. O material permitirá crear vinte postos na aula de informática do instituto.
Esta é a segunda doazón que realiza a Universidade da Coruña con destino a este centro, en colaboración coa ONGD Solidariedade Galega, e as empresas Talleres Reunidos Beges, Transportes Benito Veiga e Pescanova. A primeira fixéraa en agosto de 2012.
Desde 2003, Solidariedade Galega realiza campañas de asistencia sanitaria especializada para a poboación máis necesitada das comunidades rurais do departamento de Nueva Segovia (Nicaragua), en colaboración con ONGD locais. Desa colaboración partiu a idea da creación do Instituto de Liderado de Las Segovias, coa intención de darlle unha canle ás actividades de formación e promoción dun liderado transformador e eficaz que lles permita ás persoas saír da pobreza e contribuír ao seu propio desenvolvemento.
Na construción e equipamento deste centro xa colaboraron a Deputación da Coruña e os concellos de Cambre, Oleiros e A Coruña
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140523_UDC.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()