Aos seus 94 anos, Lea Mina Ralli non podía vivir soa, pero desexaba seguir na súa casa. Esta anciá italiana foi unha das primeiras en probar o sistema GiraffPlus [3]: un robot que asiste ás persoas maiores nos seus fogares, conéctaas coa súa familia, amigos e cos profesionais da asistencia sanitaria.
O sistema foi desenvolvido por un consorcio europeo, liderado pola Universidade de Örebro (Suecia), conta con importantes achegas da Universidade de Málaga e do Servizo Andaluz de Saúde.
Segundo explica a Sinc Carlos Gutiérrez-Castañeda, director da Unidade de Xestión Clínica do distrito sanitario Costa do Sol, o sistema xa está a ser probado con tres persoas en Andalucía e proximamente incorporaranse outros dous prototipos mellorados.
"Un dos voluntarios máis veteranos é un señor de 84 anos que leva usándoo un ano. Utilízao para conectarse co noso servizo de saúde e cos seus familiares. Todos os usuarios son persoas maiores que viven de forma independente", sinala.
Algunhas das melloras dos prototipos de GiraffPlus están a ser desenvolvidas por un equipo dirixido por Javier González, catedrático de Robótica da Universidade de Málaga. Estámonos a encargar de que as novas versións do robot teñan maior autonomía e tamén somos responsables de toda a integración tecnolóxica do proxecto, indica González.
A Comisión Europea prevé que o sistema estea listo para a súa comercialización a finais de 2015. "O plan é establecer unha comisión inicial e unhas cotas de aboamento mensuais que o fagan competitivo en comparación cuns coidados a tempo completo cada vez máis caros", subliña a institución nun comunicado.
Calcúlase que o mercado da UE dos robots e dispositivos de asistencia ás persoas de idade avanzada alcanzará 13.000 millóns de euros de aquí a 2016.
En GiraffPlus investíronse tres millóns de euros procedentes das arcas da UE. O sistema inclúe sensores e un robot. Os sensores están deseñados para detectar actividades como cociñar, durmir ou ver a televisión e para efectuar un seguimento da saúde -a presión sanguínea ou o nivel de azucre en sangue-, por exemplo.
Seguemento a distancia
Deste modo, os sensores permiten ao coidador dunha persoa realizar un seguimento a distancia do seu benestar desta ou comprobar se caeu. O robot desprázase polo fogar e permite aos familiares, aos amigos e aos coidadores visitar virtualmente a persoa.
Segundo a Comisión Europea, en Europa, as persoas de máis de sesenta e cinco anos teñen unha renda dispoñible de máis de 3.000 millóns de euros e unha gran parte deste importe reinvestirase na economía dos coidados.
Stephen von Rump, director General de Giraff Technologies, unha das empresas integrantes do consorcio, di que o mercado da UE dos robots e outros dispositivos de asistencia aos maiores alcanzará os 13.000 millóns de euros de aquí a 2016.
GiraffPlus estará presente en quince fogares a finais de 2014, indica Amy Loutfi, coordinadora do proxecto na Universidade de Örebro.
"Actualmente, estamos a realizar as avaliacións e comprobamos que algúns aspectos do sistema son valorados de forma diferente dependendo dos usuarios. Isto quere dicir que unha formulación única para a tecnoloxía doméstica non é necesariamente a solución óptima. A tecnoloxía debe ser adaptable e adaptarse ás necesidades das persoas", conclúe.
O consorcio GiraffPlus componse de socios públicos e privados de Italia, Portugal, Eslovenia, España, Suecia e o Reino Unido.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140507_GiraffPlus.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.giraffplus.eu/