
Responsables do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) participarán nos encontros informativos que se desenvolverán os próximos días 6 e 7 de maio en Pontevedra, Porriño e Vigo para achegar información detallada sobre os servizos, instrumentos e liñas de apoio habilitadas pola Consellería de Economía e Industria para facilitar a creación e a consolidación de novas empresas.
O primeiro dos encontros programados terá lugar na sede da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra - AEMPE (Virxe do Camiño, 2), o próximo martes, día 6, a partir das 9 horas. Durante o seu transcurso, un responsable do Igape informará sobre o amplo abano de servizos e apoios para a posta en marcha de proxectos empresariais que achega a Consellería de Economía e Industria a través da Unidade Galicia Emprende. Así mesmo, o acto servirá de base para intercambiar impresións entre emprendedores e empresarios consolidados de cara a provocar sinerxías que poidan acabar en posibles alianzas ou iniciativas de cooperación.
Este mesmo día, a partir das 12 horas, o Igape participará no encontro sobre emprendemento e autoemprego organizado polo Concello do Porriño no marco do programa Triángulo de Emprego. O encontro desenvolverase no Multicentro de Torneiros Porremprego.
O mércores día 7, responsables do Igape participarán tamén, a partir das 9 horas, no ciclo de almorzos sobre emprendemento organizado polo Circulo de Empresarios de Galicia - CFV (García Barbón, 62) para achegar información detallada sobre o amplo catálogo de servizos, instrumentos de apoio e axudas que está a completar a Consellería de Economía e Industria ao abeiro da Lei do Emprendemento.
A Unidade Galicia Emprende coordina os servizos de formación e asesoramento, axeitados a cada fase de emprendemento, así como os instrumentos financeiros públicos e privados, e as ferramentas dispoñibles ¬–redes de viveiros e de mentores– para facilitar o desenvolvemento e consolidación das novas empresas.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140505_GaliciaEmprende.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()