
Esta semana imos ter (usuarios de novas tecnoloxías, docentes, investigadores e estudantes), unha boa oportunidade para debater acerca de todas aquelas cousas que as TIC poden facer polo ensino galego. Isto será posíbel grazas ao Congreso Escol@TIC 2014 [3], que se desenvolve en Santiago o venres 21 e o sábado 22 de marzo. O evento vén da man do CAFI, que é o Centro Autonómico de Formación e Innovación (dependente da Consellería de Cultura e Educación). Celebrarase no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, emprazado en Santiago, e incluirá no seu programa conferencias, obradoiros tecnolóxico-dixitais e mesas redondas.
Os obxectivos son impulsar e apoiar o compromiso do profesorado coa modernización educativa a través da aplicación das TIC procesos de ensino-aprendizaxe e, a maiores, promover o fluxo de experiencias de boas prácticas respecto destas ferramentas. Asemade, achégase un escenario o máis axeitado posíbel para “reflexionar sobre as propostas metodolóxicas que contribuirán a unha mellor integración das Tecnoloxías da Información e da Comunicación nos centros educativos”.
O primeiro día de actividades (a partir das 16.00 horas), o congreso contará coa presenza de Manuel Vila e Carlos Vázquez (informando das novas iniciativas do Proxecto Abalar para a dixitalización das nosas aulas) e Manuel Area (novas pedagoxías con novas tecnoloxías). A partir das 17.30 o evento desenvolverase a través de diversas actividades simultáneas que servirán para avaliar en detalle iniciativas como por exemplo Dives Gallaecia, AbalarMóbil, ColaborAPPS ou Soncine, entre outras.
Ao día seguinte (xornada completa), o programa dará comezo da man de David Álvarez, que falará de Contornas persoais de aprendizaxe e novos ecosistemas de ensino. A partir do mediodía, docentes e investigadores avaliarán en detalle ferramentas e recursos como O mago (unha experiencia de traballo en colaboración con tablets) ou App Inventor. Tamén se afondará en cuestións como as redes sociais e o seu potencial para fomentar o diálogo e a achega de coñecemento e implicación do alumnado, ou nas posibilidades educativas e comunicativas da incorporación dos dispositivos móbiles ao día a día dunha aula. Xa pola tarde, falarase entre outras cousas de Escolas na Nube [4], un proxecto liderado polo CESGA e Balidea [5]para permitir o desenvolvemento das nosas escolas do rural a través de algo tan sinxelo como compartir recursos e experiencias tecnolóxicas
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140320_escolatic.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.edu.xunta.es/centros/cafi/aulavirtual/course/view.php?id=452
[4] http://www.escolasnanube.net/index.php?lang=galician
[5] http://www.balidea.com/