
Aisoy Robotics e a Fundación Everis presentaron esta semana en Madrid o robot Aisoy 1. Esta máquina é capaz de procesar algo parecido ás emocións mentres dialoga con persoas. O robot comeza a relacionarse ao sacalo da caixa, sen necesidade de programalo, segundo os seus creadores, nun intento por "achegar a tecnoloxía ás persoas e facela o máis natural posible".
O humano namorado da máquina, como viamos na gran pantalla con 'Her', achégase pouco a pouco a unha realidade máis factible que hipotética. Esa posibilidade de establecer un trato social e interactuar de igual a igual con robots ou outros dispositivos tecnolóxicos está moi preto do noso alcance e proba diso é o Aisoy 1, un robot intelixente que é capaz de emocionarse, de dialogar coas persoas ou con outros robots, de razoar ou de tomar as súas propias decisións. Felicidade, tristura, vergoña, esperanza, reproche, remordemento... e así ata unhas 14 emocións pode experimentar este robot.
Este proxecto foi posible grazas a unha tecnoloxía pioneira que xorde de varias investigacións do equipo de Aisoy Robotics, un grupo de oito emprendedores españois que contou co apoio da Fundación Everis. "Unha robótica social para todos" é o seu lema, segundo o director de produto e responsable de enxeñaría e desenvolvemento, Diego García; e o que se propuxeron conseguir, dende que en 2010 lanzaran o seu primeiro prototipo de robot social, é "achegar a tecnoloxía ás persoas e facela o máis natural posible". Dende entón traballaron para mellorar a funcionalidade e abaratar custos para que estea ao alcance de todos os petos.
UN ROBOT CON PERSONALIDADE
O robot funciona de forma autónoma nada máis sacalo da súa embalaxe, polo que é capaz de falar e relacionarse coa persoa sen necesidade de programalo, pero tamén é posible conectalo con outras aplicacións para ampliar as súas capacidades e adaptalo a cada usuario. Dado que estes autómatas aprenden do seu ámbito son capaces de dar respostas máis axeitadas a cada persoa e o seu comportamento varía en función da forma na que o interlocutor os trate.
Aisoy 1 pretende ser tamén unha ferramenta útil no ámbito da sanidade, a educación e no mercado do internet das cousas. En 30 institutos de Alicante profesores e alumnos xa traballan con el utilizándoo mesmo en clases de teatro. "Os nenos aprenden non só de programación e tecnoloxía senón tamén de ciencia, creatividade ou trigonometría", apuntou García.
Estes robots teñen tres niveis de programación con interfaces sinxelas e intuitivas como é o caso de Scratch ou AIDA, unha ferramenta moi visual esta última que permite aos robots comportarse dunha forma que elixa o usuario. Contan ademais con sensores de tacto, de inclinación, movemento no colo, ollos e cellas, e unha cámara. Un dos seus cabalos de batalla segue sendo a mobilidade deste, algo no que Aisoy Robotics traballa para incorporar nos próximos modelos, segundo indicou o seu responsable de enxeñaría e desenvolvemento. Este produto, único no mundo, conta ademais coa posibilidade de conectalo á nube para relacionarse con outros dispositivos Aisoy 1 e aprender destes. Dentro dun mes poderase encontrar no mercado por un prezo de 200 euros.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140318_Aisoy.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()