
O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, Fundación Vodafone España e Fundación ONCE presentaron este luns a App 'Medicamento Accesible Plus', unha nova aplicación que permite acceder dende dispositivos móbiles á información relevante sobre medicamentos de forma accesible e gratuíta.
O acto de presentación contou coa presenza da secretaria xeral do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, Ana Aliaga; do director xeral de Fundación Vodafone, Santiago Moreno; e do director xeral de Fundación ONCE, José Luis Martínez Donoso. Así mesmo, asistiu ao acto o director de Accesibilidade Universal de Fundación ONCE, Jesús Hernández, que foi o encargado de moderar o evento.
Durante a súa intervención, a secretaria xeral do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos declarou que 'Medicamento Accesible Plus' é unha ferramenta que "permitirá ao usuario almacenar os seus medicamentos habituais de maneira que facilitará o labor de seguimento farmacoterapéutico ao farmacéutico, contribuíndo así ao bo uso dos medicamentos e a adherencia a estes".
Así mesmo, o director xeral de Fundación Vodafone sinalou que esta aplicación, que en principio se pensou para persoas cegas, durante a fase de deseño se viu que "é de utilidade" "para moitos colectivos". Moreno describiu a App como "útil" e "moi práctica" para as persoas que toman medicamentos, "é dicir, todos", apuntou.
Pola súa banda, o director xeral de Fundación ONCE explicou que a App xorde para dar resposta a problemas como a "linguaxe excesivamente técnica" ou "a letra tan pequena" dos prospectos. Segundo Martínez Donoso, o sistema sanitario "sempre tivo moitas barreiras de accesibilidade", neste sentido, concluíu, son necesarias aplicacións como a presentada este luns, "desenvolvidas dende a perspectiva do deseño para todos".
A nova App 'Medicamento Accesible Plus' é unha solución especialmente deseñada para persoas con discapacidade visual, con dificultades de manipulación, ou persoas maiores, para as que accións cotiás, como ler o prospecto dun medicamento, poden supoñer un reto.
A aplicación funciona utilizando o código de barras que se encontra na embalaxe dos medicamentos. O usuario abre a aplicación xa instalada previamente no seu dispositivo móbil e captura o código, tras o cal recibe no seu móbil a información sobre o medicamento nun formato accesible.
Para facilitar a busca do medicamento, ou naquelas situacións nas que non se dispón do código de barras, a aplicación tamén permite introducir o nome deste tecleándoo. Así mesmo, os profesionais das farmacias tamén poden introducir o "código nacional do medicamento", que aparece en todos os envases.
Ademais, 'Medicamento Accesible Plus' incorpora dúas funcións auxiliares: un localizador das farmacias máis próximas ao usuario e unha sección que, baixo o nome de 'As miñas medicinas', almacena a información daqueles medicamentos que o usuario utiliza con maior frecuencia e aos que quere ter un acceso rápido.
A aplicación foi desenvolvida por Technosite, compañía pertencente ao grupo de empresas da ONCE e a súa Fundación especializada en tecnoloxías accesibles, e está dispoñible en dous sistemas (android e iOS). Ademais, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, achega a 'Medicamento Accesible Plus' información da súa base de datos do coñecemento sanitario, 'Bot PLUS'.
O vídeo da aplicación pódese consultar no seguinte enlace : http://www.youtube.com/watch?v=SthkrPafc7A&feature=youtu.be [3]
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140311_MedicamentoAccesible.JPG
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.youtube.com/watch?v=SthkrPafc7A&feature=youtu.be