
A Academia de Neuroloxía de EUA presentará na súa reunión anual, que terá lugar o próximo mes de abril en Filadelfia, os estudos sobre dúas aplicacións para teléfonos móbiles intelixentes que teñen como obxectivo axudar a detectar ataques de epilepsia e mellorar o tratamento de ictus, respectivamente.
A primeira destas aplicacións foi desenvolvida por Victor Patterson, un neurólogo norteirlandés retirado que agora se dedica á innovación en telemedicina
"A miúdo pode resultar difícil saber se unha persoa está a ter un ataque de epilepsia. A nosa aplicación vai axudar aos profesionais da saúde a avaliar e facer o diagnóstico, especialmente cando os médicos non estean dispoñibles," sinala Patterson.
Para crear esta aplicación, Patteson e un grupo de colaboradores formularon preguntas a 67 persoas sobre as súas convulsións. Despois, as preguntas e respostas máis útiles para predicir un ataque epiléptico utilizáronse na creación da aplicación.
A continuación, a app foi probada en 132 persoas en India e Nepal, e os resultados comparáronse co diagnóstico dun médico. Segundo o neurólogo, a aplicación foi informativa no 87% das persoas estudadas e estiveron de acordo co diagnóstico do médico no 96% dos casos.
Coidado dos pacientes
A segunda aplicación desenvolveuse coa idea de facer máis doado e eficaz o coidado dos pacientes que sufriron un accidente cerebrovascular agudo.
Este desenvolvemento foi levado a cabo por Claude Nguyen, un destacado neurólogo da Universidade de Pennsylvania (EUA).
"O coidado de pacientes con ictus require realizar moitas tarefas ao mesmo tempo, dende a subministración da medicación á súa avaliación para ensaios clínicos e mesmo mobilizar recursos para logar as metas establecidas", sinala Nguyen.
O neurólogo levaba tempo pensando en crear esta aplicación, que desenvolveu no seu tempo libre e na que incluíu elementos para mellorar a calidade do tratamento, facilitar a comunicación e controlar os ensaios clínicos.
A app xa está a ser utilizada por médicos, enfermeiras e persoal de apoio na Universidade de Texas, institución na que Nguyen foi bolseiro de investigación e onde iniciou a idea de desenvolver esta ferramenta.
As dúas aplicacións foron financiadas polos seus autores, segundo a Academia de Neuroloxía de EUA.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140224_Apps_epilepsia_ictus.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()