
Dúas aplicacións españolas resultaron gañadoras nas categorías de Educación e Saúde dos premios "Mobile for Good Europe" convocados por The Vodafone Foundation.
A aplicación Contigo alzouse co primeiro premio na categoría de Saúde. Desenvolvida por Wake App Health, Contigo foi creada coa colaboración 16 mulleres que superaron un cancro de mama e expertos médicos. O seu obxectivo é dar apoio a todas aquelas mulleres que sofren a enfermidade, dende o momento do diagnóstico e a través de todo o tratamento. Dispón de testemuños persoais, gráficos interactivos e rigorosos contidos médicos.
Dyseggxia levouse o máximo galardón na categoría de Educación. É unha app realizada por Cookie Cloud que, a través do xogo, axuda aos nenos con dislexia a superar as súas dificultades para aprender a ler e escribir. Integra exercicios con base científica que piden ao usuario completar e separar palabras ou reordenar letras. As tarefas que os nenos deben resolver están sustentadas na investigación que Luz Rello, unha das integrantes do equipo de traballo, está a levar a cabo na súa tese doutoral sobre dislexia na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona.
Na categoría de Accesibilidade o xurado decidiu premiar a aplicación ColorADD que axuda ás persoas con daltonismo a entender mellor as cores e asegurar a accesibilidade para todos cando a cor é un factor de identificación, orientación ou selección.
Por último, Bribespot, un servizo anónimo que permite reportar pequenos subornos e casos de corrupción, foi a máis destacada de Servizos Públicos.
Cada categoría repartiu 50.000 € entre as tres aplicacións mellor valoradas polo xurado 30.000 € para o gañador, 15.000 € para o segundo e 5.000 € para o terceiro.
Este ano presentáronse 224 candidaturas, das que 91 foron españolas. Un xurado especializado seleccionou as tres mellores apps de cada unha das categorías. Dos doce finalistas seis foron españois.
1.Contigo (España)
2.HipTracker (Reino Unido)
3.PebbleMED (Holanda)
1.Dyseggxia (España)
2.Special Words (Reino Unido)
3.Lily and the animals (España)
1.ColorADD (Portugal)
2.MindTags (Alemaña)
3.Simple Tweet (España)
1.Bribespot (Alemaña)
2.Emergency Services App (España)
3.Civic (España)
Os "Mobile for Good Europe Awards" contan co apoio de AGE Platform Europe, plataforma que traballa a favor dos máis de 150 millóns europeos maiores de 50 anos e o European Disability Forum, entidade que representa máis de 80 millóns de persoas con discapacidade en Europa.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_131212_PremiosVodafone.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()