
A vindeira semana, os días 8 e 9 de novembro, a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela acollerá un congreso de edición bianual titulado Inclusión e cultura dixital. Cómpre dicir que estas xornadas están organizadas pola asociación TADEGA [3] e Campus Culturae [4] coa colaboración da USC (Universidade de Santiago de Compostela). Neste terceiro congreso de Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega abrangueranse temas como a inclusión educativa e as tecnoloxías da información, ou a comunicación como apoio para conseguila.
O venres pola tarde inaugurarase o devandito congreso cunha sesión introdutoria na que se tratarán as vantaxes e perigos das redes sociais, celebrarase unha mesa redonda onde se abordará o tema da atención á diversidade a partir de cuestións como de que xeito se fracasa ou non fracasa na actualidade. En canto ao sábado, as sesións serán prácticas, con tres obradoiros simultáneos (elixidos polos asistentes con anterioridade) que incluirán o uso das tablets e dispositivos móbiles como recursos educativos, as plataformas escolares e as redes sociais, experiencias de traballo con alumnos con necesidades específicas de apoio educativo, ideas e aparellos para as adaptacións de materias e espazos nas persoas con mobilidade reducida xunto con outros sistemas alternativos e aumentativos de comunicación.
Cómpre subliñar que este congreso xirará arredor de catro obxectivos básicos: a formación e aproveitamento do dixital na atención á diversidade, converterse nun punto de encontro para o intercambio de experiencias e recursos, a promoción de valores de inclusión, accesibilidade e usabilidade e a investigación no desenvolvemento de ferramentas e servizos de utilidade.
As persoas interesadas en participar neste congreso deben acceder á web de TADEGA [3] onde atoparán un formulario de inscrición [5] que poden descargar e toda a información polo miúdo deste evento
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_131029_tadega.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://tadega.net/
[4] http://campusculturae.usc.es/
[5] http://tadega.net/?page_id=3650