
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou nas actividades organizadas pola Federación de asociacións de persoas xordas de Galicia (FAXPG), no marco dunha fin de semana tecnolóxica para os seus asociados máis novos en Santiago, enmarcada dentro do programa Iniciativa Xove da Consellería de Traballo e Benestar.
O obxectivo deste proxecto é o de achegar as posibilidades das novas tecnoloxías aos mozos e mozas con discapacidade auditiva. Deste xeito, analizaranse as posibilidades que ofrece o DNI electrónico na vida habitual, a seguridade e o mantemento de equipos informáticos, a instalación e configuración de sistemas operativos ou a creación de páxinas web.
Ademais, estas xornadas tamén permitirán coñecer á plataforma IDendeaf, unha ferramenta para a produción e formación audiovisual, que nace coa idea de achegar o audiovisual ás persoas xordas e de fomentar entre este colectivo unha identidade propia, a chamada ‘Identidade Xorda’.
Para Ovidio Rodeiro, “Iniciativa Xove funciona como unha escola de cidadanía activa, xa que permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos”. Ademais, o director xeral destacou que con este programa “a administración non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas”.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado destinou este ano a estas axudas, ás que poden acollerse tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, preto de 570.000 euros. Isto permitiu a execución de 165 proxectos xuvenís financiando ata o cen por cen dos gastos e cun orzamento máximo por plan de 4.000 euros.
Ademais, o director xeral sinalou que os proxectos aprobados recibiron un adianto do 80 por cento do seu orzamento antes de realizar a actividade “para que a falta de liquidez non sexa un obstáculo para ninguén”, segundo resaltou Ovidio Rodeiro.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_131021_IniciativaXove.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()