
Indra e Fundación Universia asinaron un acordo de colaboración co obxectivo de impulsar o acceso ao mercado laboral dos universitarios con discapacidade e mellorar a súa integración na sociedade.
Ámbalas dúas entidades, en colaboración coas principais universidades españolas, puxeron en marcha un programa para impulsar a realización de prácticas profesionais de estudantes universitarios con discapacidade na multinacional de consultoría e tecnoloxía. O obxectivo é ofrecer aos universitarios con discapacidade formación práctica e experiencia nun ámbito empresarial que favoreza a aplicación dos coñecementos adquiridos e que facilite o acceso a un emprego cualificado acorde coa súa formación.
Fundación Universia e Indra colaborarán na difusión das ofertas de prácticas existentes, así como na selección dos candidatos que se adapten aos perfís solicitados. Tamén facilitarán a adaptación do estudante ao posto de traballo e asignarán un titor, tanto en Indra coma en Fundación Universia, para asesorar o universitario en prácticas durante o transcurso do programa.
As bolsas, dirixidas a estudantes ou recén diplomados/graduados, teñen unha duración de 12 meses, e completaranse cun período formativo na universidade. A incorporación aos postos realizarase ao longo do curso académico 2013-2014 nos centros de traballo de Indra.
O acordo de colaboración con Fundación Universia encóntrase ligado ao programa "Sumando Capacidades" de lndra, que ten por obxectivo conseguir a integración efectiva dos profesionais con discapacidade co resto de equipo e aumentar a porcentaxe de persoas con discapacidade na empresa. Este programa forma parte da estratexia de diversidade de Indra, un dos piares da xestión do talento na compañía como elemento que impulsa a innovación.
"Sumando Capacidades" abrangue todos os aspectos relacionados coa xestión de persoas, para dar unha cobertura integral aos profesionais con discapacidade: protocolo de integración, unidade de discapacidade , medidas de conciliación específicas, acordos con entidades que facilitan a incorporación destes perfís, bolsas, campañas de comunicación e sensibilización para toda o equipo e un programa de voluntariado corporativo con especial énfase en accións relacionadas con persoas con discapacidade.
Compromiso coa integración
O compromiso de Indra coa diversidade e a integración de persoas con discapacidade forma parte da estratexia de Responsabilidade Corporativa de Indra. A compañía non só impulsa e facilita a integración destes profesionais na compañía senón que tamén desenvolve solucións e servizos innovadores que minimizan a brecha dixital e favorecen a integración social e laboral das persoas con discapacidade mediante as súas Tecnoloxías Accesibles.
A compañía xa desenvolveu máis de 40 proxectos de I+D+i neste ámbito e puxo en marcha once cátedras de investigación en Tecnoloxías Accesibles en colaboración con diferentes fundacións e universidades. Co mesmo obxectivo a compañía colabora ademais con outras institucións, como a Fundación Rafael del Pino ou a Fundación do Hospital Nacional de Parapléjicos de Toledo.
Indra
Indra é a multinacional de consultoría e tecnoloxía nº1 en España e unha das principais de Europa e Latinoamérica. A innovación é a base do seu negocio e sostibilidade, despois de dedicar 550 M€ a I+D+i nos últimos tres anos, cifra que a sitúa entre as primeiras compañías europeas do seu sector por investimento. Cunhas vendas aproximadas aos 3.000 M€, preto do 60% dos ingresos proceden do mercado internacional. Conta con 42.000 profesionais e con clientes en 128 países.
Fundación Universia
Fundación Universia é unha entidade privada sen ánimo de lucro promovida por Universia, a maior rede universitaria do mundo, constituída por 1.232 universidades en 23 países. A súa finalidade principal é promover a investigación, o emprego e a formación, entre as persoas con discapacidade, utilizando como instrumento as tecnoloxías da información e as comunicacións.
As accións desenvolvidas organízanse en catro programas eixe: Emprego, Igualdade de Oportunidades e Inclusión, Información e Traballo en Rede e Desenvolvemento do Espazo Iberoamericano do Coñecemento.
Dende o 9 de marzo de 2012 Fundación Universia foi autorizada polo Servizo Público Estatal, do Ministerio de Emprego e Seguridade Social como Axencia de Colocación n.º 1300000006. Esta cualificación permitirá optimizar os procedementos de intermediación e contribuirá a mellorar a situación das persoas con discapacidade en relación á súa inclusión laboral.
En 2013 Fundación Universia recibiu o Premio cermi.es na categoría de Acción Social e Cultural, polo seu labor na inclusión de persoas con discapacidade nos ámbitos universitario e laboral. En 2012 a Fundación recibiu o Premio da Fundación Konecta polo seu proxecto "Plataforma Teledislab", para potenciar o teletraballo de mulleres con discapacidade. Este mesmo ano, a Fundación foi recoñecida como finalista na categoría orientación ao cliente polos premios European Business Awards. Tamén con carácter internacional, dende o último trimestre de 2011 a Fundación é entidade asinante do Pacto Mundial, co compromiso de cumprimento dos Principios do Pacto Mundial da Naciones Unidas.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/Logo_Indra.gif
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()