
O diario de Novas Tecnoloxías de Galicia Código Cero [2] faise eco da nova de que Balidea [3]e o CESGA [4], logo da súa frutífera experiencia aplicando as posibilidades da nube nas nosas escolas do rural [5], están arestora a ampliar a súa colaboración cara a outros ámbitos socioeducativos, máis polo miúdo os ámbitos de atención aos nosos maiores. Esta nova cooperación (inserida nun proxecto europeo), informou o Centro de Supercomputación de Galicia os días pasados, consiste en dar forma a unha plataforma de apoio a coidadores informais (familiares próximos) para comprender e coidar aos seus familiares con demencia. E todo co obxecto final de mellorar a calidade de vida destes familiares e, tamén, dos seus coidadores. O proxecto no que traballan Balidea e o CESGA, xunto coa Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados da Coruña, é unha iniciativa chamada UnderstAID. Por certo que á representación galega tamén se sumou en xuño a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias (AFAL) de Ferrol.
O proxecto durará ata 2016, e nel tamén participan entidades do ámbito da saúde, tecnoloxía e coidado dos maiores de Dinamarca e Polonia. A plataforma, baseada en metodoloxía de e-learning, servirá para darlles a coidadoras e coidadores información e formación personalizada de acceso doado e o apoio para afrontar os retos que se lles vaian presentando, “así como un entorno social para mellorar a comunicación entre especialistas, xerontólogos e familias”, engade o CESGA. E continúa: “Grazas á teleformación recibida poderán mellorar a calidade dos coidados que prestan e aumentarán a súa seguridade e autoconfianza, mellorando tamén a relación coa persoa coidada e reducindo o risco de dano físico e psicolóxico de ambos grupos”.
A reunión de inicio do proxecto foi os días 15 e 16 de abril na Coruña e no mes de setembro comeza a escolma de familias das que se recollerá información útil para a iniciativa, que facilitarán a través de dispositivos como smartphones ou computadores portátiles. Con estes datos, engade o centro de supercomputación, elaboraranse materiais de axuda para que as persoas que empreguen no futuro a plataforma web poidan demandar axudas para ir solucionando os problemas que se lles presenten no día a día, “xa que o coidado de pacientes maiores desenvólvese principalmente nos seus domicilios e por parte de familiares próximos”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[2] http://www.codigocero.com
[3] http://www.balidea.com/
[4] http://www.cesga.es/
[5] http://www.codigocero.com/O-CESGA-e-a-galega-Balidea-levan