
O Club Universitario de Innovación da Universidade Pontificia de Salamanca creou unha aula virtual de recursos educativos para alumnos con necesidades educativas especiais denominada Integr@web. A Logopedia, a Educación e a Informática danse a man neste proxecto que recompila os materiais máis axeitados, os adapta e os pon a disposición dos profesores en www.integra-web.es [3].
En internet, podemos encontrar moitos recursos relacionados coas diferentes minusvalideces, pero á hora de traballalos na aula non sabemos cales deles van responder a esas necesidades educativas dos nenos", explica Laura Sánchez Blanco, profesora da Facultade de Educación da UPSA. Por iso este proxecto pretende ofrecer "unha ferramenta de doado manexo para profesionais e persoas que teñan interese pola educación especial", engade en declaracións a DiCYT.
O contido de Integr@web fai referencia a minusvalideces físicas, psíquicas e sensoriais; e a trastornos da conduta e o desenvolvemento. Os profesores encontran conceptos teóricos, pautas de intervención, actividades prácticas e todo tipo de recursos para as súas clases.
Dentro do espírito do Club Universitario de Innovación, este proxecto saíu adiante coa participación directa de varios alumnos de diferentes carreiras. Nuria Fernández Baza, alumna de 4º de Logopedia, destaca que a ferramenta tamén serve para abordar problemas como a discalculia, é dicir, dificultades na aprendizaxe das Matemáticas, así como problemas de lectoescritura. "Penso que as novas tecnoloxías nos poden axudar moito, porque nos achegan outras maneiras de traballar que antes non tiñamos," asegura.
Usabilidade e accesibilidade
Os materiais didácticos que ofrece Integr@web son moi diversos e os alumnos que desenvolveron a parte informática tiveron en conta sobre todo a usabilidade e a accesibilidade da páxina. "Dado o contido desta páxina, que é para persoas que teñan certa minusvalidez ou algún tipo de trastorno, é bo ter os contidos ben organizados e accesibles para calquera tipo de persoa", destaca Guillermo García Redondo, alumno de 2º de Enxeñaría Informática, que participou na iniciativa.
Ademais, a nova ferramenta docente é un proxecto vivo que segue crecendo con moitas achegas de profesionais e colectivos interesados e que ten unha gran dimensión social. "Cada día pódese ir ampliando, non é un proxecto pechado e será de grande utilidade para traballar coas asociacións que se centran nas diferentes minusvalideces", sinala a profesora Laura Sánchez Blanco.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_130803_Integraweb.png
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.integra-web.es/