
A publicación dixital tecnolóxica Código Cero faise eco da posta en marcha de InnoApps [3], un concurso que reta aos desenvolvedores máis novos a deseñar aplicacións móbiles innovadoras que fomenten a inclusión social. A competición, que comezou a finais do pasado mes, é unha iniciativa conxunta promovida por Huawei, Microsoft e o European Young Innovators Forum [4] (EYIF).
A competición está aberta a estudantes universitarios e profesionais menores de 27 anos que residan na Unión Europea. Esta iniciativa anímaos a afrontar un reto de desenvolvemento co obxectivo de contribuír a unha sociedade con maior grao de inclusión promovendo as habilidades tecnolóxicas, incrementando a participación dixital e fomentando o espírito empresarial entre os mozos. “A través deste concurso”, comenta Leon Sun (presidente da oficina de comunicación de Huawei en Bruxelas), “esperamos atraer o talento novo e ofrecerlles a oportunidade de desenvolver as súas ideas e impulsar o seu espírito empresarial”.
Todos os mozos que queiran participar poderán enviar os seus traballos até o 8 de setembro de 2013. Unha vez elixidos os gañadores, presentaranse nunha cerimonia en Bruxelas durante a Global Entrepreneurship Weed, que se vai celebrar do 18 ao 24 de novembro. O gañador do primeiro premio recibirá 5.000 euros e gozará de soporte na comercialización e promoción da súa aplicación. Os desenvolvedores que acaden o primeiro e segundo posto visitarán o Centro de Innovación de Huawei. Ademais, e xunto co gañador que seleccione o público, accederán a accións de promoción para as súas aplicacións a través da Windows Store de Microsoft. O seis finalistas recibirán formación técnica e de mercadotecnia nun obradoiro en Bruxelas, así como promoción nas páxinas web dos organizadores.
Para ler a noticia completa pica aquí [5].
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_130808_banner_innoapps.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.innoapps.eu/
[4] http://www.eyif.eu/
[5] http://www.codigocero.com/En-marcha-un-concurso-para-os