
Apple está a probar novas funcións de control de movemento que permitirán que as persoas poidan controlar os seus iPhones ou iPads ao mover a cabeza.
Esta función foi desenvolvida na versión máis recente do sistema operativo de Apple, iOS 7, aínda que polo momento non está dispoñible ao público. É unha opción que se encontra no menú de accesibilidade que anula os controis da pantalla táctil. A nova versión do sistema operativo móbil iOS aínda está en fase de probas beta. Ata o próximo outono non poderá actualizarse a nova versión do sistema iOS 7.
O funcionamento baséase na utilización da cámara dianteira do dispositivo para detectar os movementos da cabeza. Os movementos a dereita ou esquerda poden asignarse a diferentes tarefas, como mostrar as notificacións ou activar Siri.
Pódese navegar polo teléfono con movementos de cabeza sen ter que tocar en ningún momento o dispositivo de forma táctil. É un asistente moi útil se se trata de persoas con mobilidade reducida que non poidan utilizar o dispositivo de xeito normal. É unha posible nova función de accesibilidade, que pouco a pouco irán incorporando os dispositivos do futuro.
Kinect de Microsoft e o Leap Motion utilizan cámaras de sensores de profundidade. Kinect pode detectar o esqueleto, rostro e mesmo expresións dunha persoa. O Leap detecta xestos como movementos dos dedos. O Samsung Galaxy S4 é tamén compatible co movemento dos ollos, ao mirar un vídeo por exemplo, mentres se reproduce, pode pausarse automaticamente se se deixa de mirar á pantalla.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()