O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia conmemora o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra hoxe, co ciclo de faladoiros “Con elas explorando o futuro”. O obxectivo destes encontros é visibilizar o rol das profesionais femininas no sector tecnolóxico e ofrecer referentes para fomentar as vocacións TIC, especialmente entre as nenas.
O ciclo comezará o vindeiro 15 de febreiro coa intervención de Susana Ladra, vicepresidenta do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia. O segundo encontro correrá a cargo de Rosa Vázquez, CFO & Co-founder da Startup Codee, o día 20 deste mes; e Almudena Justo, directora do Centro International Quamtum de Fujitsu, será a encargada de pechar as charlas o mércores, 28 de febreiro.
Estes faladoiros súmanse ás actividades previstas dentro Plan Digitalent da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para impulsar as vocacións tecnolóxicas e eliminar a fenda de xénero no sector.
Este ano está previsto celebrar novas edicións do programa Girl Steam con obradoiros de experimentación nas aulas CeMIT; os espazos Maker, que facilitan o uso de equipamento interactivo, impresoras 3D, drons ou kits de robótica na Rede CeMIT e no GaiásTech; Tecnológo por un día, que ofrece a posibilidade de compartir unha xornada de traballo nunha empresa TIC; o Campamento DigiTalia; o Scratch Day, un encontro para aprender a programar ou o Programa Tech Kids, que achega aos máis pequenos á tecnoloxía con actividades lúdico formativas.
Os últimos datos do Observatorio da Sociedade da Información sinalan que a presenza da mulleres no sector tecnolóxico galego sitúase no 30,6% e un 10,4% teñen unha titulación STEAM, unha porcentaxe que se reduce aínda más no caso de titulacións técnicas de Formación Profesional.
No ano 2021, a porcentaxe de mulleres matriculadas en graos STEM do Sistema Universitario de Galicia representaba o 34% e se exclúen as carreiras de Ciencias, nas que son maioría, a porcentaxe nas enxeñarías e tecnolóxicas descende ata o 26%.
Programa do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia [2].
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[2] https://faitedixital.xunta.gal/sites/default/files/documentos/Programa%20actividad_maquetado%20v3.pdf