
A Universidade da Coruña celebra entre os días 29 de setembro e 20 de outubro a terceira edición do seminario internacional Mulleres e videoxogos, a ambos lados da pantalla [3], impulsado pola Facultade de Comunicación coa colaboración da asociación internacional Women in Games (WIGJ), o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF), a Asociación Española de Videojuegos (AEVI), a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, o Campus Innova e o Instituto de las Mujeres.
O programa desta edición [4] combina relatorios e faladoiros virtuais, abertos á participación do público, con outro tipo de contidos en vídeo, obradoiros e unha exposición virtual sobre mulleres na industria dos videoxogos.
O seminario, dará comezo o mércores 29 de setembro ás 10:30 horas coa benvida do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e as intervencións de Teresa Piñeiro, da organización das xornadas; María Fernández Hermida, embaixadora de Women in Games e Susana Ladra, directora do Campus Innova. A continuación, o evento continuará coa conferencia Las mujeres en la industria de los videojuegos, da man de Elena Beltrán, Coordinadora de Comunicación de la Asociación Española de Videojuegos (AEVI); e o relatorio Construíndo inmersión a través do deseño de son interactivo a cargo de Anne-Sophie Mongeau, deseñadora de son senior en Hazelight Studios (Estocolmo).
Desde o venres 1 ao mércores 18 de outubro a xornada acollerá diversas actividades diferidas como a exposición virtual Mulleres e videoxogos, desenvolvida en colaboración co Museo do Videoxogo, ou as vídeo-charlas de diversas profesionais da industria como Sabina Sánchez e Silvia Rosu, de IQUA Servicios Jurídicos, avogadas especialistas en creación dixital, Estefanía Salcedo lead de programación de Tequila Works ou a galega Alba Calvo, localizadora de videoxogos.
O mércores 6 de outubro ás 11:30 horas haberá un encontro virtual con Elesky, streamer musical e integrante do E-sports Club Vodafone Giants, e ás 12:30 horas o relatorio O xénero dos videoxogos dende a arte feminista a cargo de Remedios Zafra escritora e científica titular do CSIC.
O 13 de outubro, a Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá dous obradoiros de deseño e arte para videoxogos a cargo de Cristina García Aradas, xefa de deseño de niveis en Gato Estudio, e Lizartonne, artista conceptual, ilustrador e produtor. Para rematar, o mércores 20 de outubro terá lugar, ás 12:30 horas, o relatorio Gamers e streamers dende Galicia para o mundo no que participarán Samku e Mariña (anhiram_).
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_11399.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://mujeresvideojuegos.udc.es/
[4] https://mujeresvideojuegos.udc.es/portada-2021-es/programa-completo-es/