
O Programa 'Por Talento Dixital', impulsado pola Fundación ONCE, mantén a oferta de once novos cursos de formación que empezarán a desenvolverse o próximo outono e para os que permanece aberto o prazo de inscrición.
Os cursos, que se impartirán de forma presencial ou virtual, inclúen áreas de coñecemento como desenvolvedor Frontend, programación Java, análise de datos con Python, Wordpress, transformación dixital para emprendedores, márketing dixital e SAP, entre outros.
Tres destas formacións desenvolveranse de forma presencial en Madrid. En concreto, trátase dos cursos de 'Asistente de comunicación, márketing dixital e desenvolvedor web', 'Desenvolvedor Full Stack Java' e 'Análise de datos con Python'. Estes cursos contan con bolsa de prácticas e de emprego para facilitar a incorporación dos alumnos ao mercado laboral.
Ademais, e en liña co apoio da Fundación ONCE a persoas con discapacidade que queren poñer en marcha o seu propio proxecto empresarial, deseñáronse os cursos de 'Wordpress para emprendedores con discapacidade' e 'Transformación dixital'. En ambos os casos, a formación impartirase na modalidade online.
O prazo de inscrición de todos os cursos conclúe a finais do mes de setembro, de maneira que empezarán a impartirse a principios de outubro.
A Fundación ONCE, consciente da importancia que ten o sector tecnolóxico e a formación dixital no mercado laboral, puxo en marcha o programa 'Por Talento Dixital', que se desenvolve en coordinación con Inserta Empleo, a súa entidade para a formación e o emprego.
Para a implementación deste programa, conta co apoio do Fondo Social Europeo, así como co financiamento do sector privado que mostra interese no fortalecemento e captación do talento das persoas con discapacidade.
Como parte do programa, a Fundación ONCE mantén aberta de forma permanente unha convocatoria de bolsas co fin de apoiar a incorporación a accións formativas no ámbito tecnolóxico e dixital das persoas con discapacidade e promover así a súa inclusión e impulso laboral en empregos técnicos especializados e altamente cualificados. pódese obter máis información na páxina do proxecto [3].
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_11376.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://portalentodigital.fundaciononce.es/