
Álvaro García López, investigador do Centro Español do Subtitulado e a Audiodescripción (CESyA), gañou o premio ao mellor póster e presentación de traballo doutoral no XXXV Conference on Design of Circuits and Integrated Systems cunha luva de vibracións que fai posible que as persoas con discapacidade auditiva [3] poidan experimentar as sensacións e emocións que transmite a música.
O CESyA continúa apostando pola accesibilidade [4] ao mundo cultural coa súa última invención: unha luva de vibracións destinada a que as persoas xordas poidan 'notar' a música a través das súas mans. Este dispositivo modula unha serie de vibracións sobre a pel, que activan as mesmas zonas do cerebro que determinadas notas musicais. Deste xeito, unha persoa con discapacidade auditiva total pode facerse unha idea bastante aproximada das sensacións e emocións que transmite unha determinada melodía.
O investigador que está a levar a cabo este proxecto, Álvaro García López, é doutorando no Grupo de Displays e Aplicacións Fotónicas (GDAF-UC3M) da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), e a súa tese ten por obxectivo ofrecer unha canle alternativa de estimulación emocional a persoas con discapacidade auditiva.
Para levar a cabo este estudo, o CESyA e a UC3M están a colaborar con neurólogos do departamento de psiquiatría, e expertos na área audiovisual do departamento de Comunicacións Aplicadas da Universidade Complutense de Madrid (UCM). A partir desta colaboración, están a deseñarse e construíndo sistemas de estimulación vibrotáctil que traducen a música a vibracións que percibe o usuario. Para validar estes sistemas, utilízanse electroencefalografías para comprobar se a resposta emocional que provocan estes estímulos a persoas con discapacidade auditiva é a mesma que nas persoas oíntes.
O CESyA é un centro dependente do Real Padroado sobre Discapacidade do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, xestionado pola UC3M e con sede no seu Parque Científico. Conta coa colaboración do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e o seu proxecto multidisciplinar consiste en favorecer a accesibilidade na contorna dos medios audiovisuais a través dos servizos de subtitulado e audiodescripción [5].
O centro colabora coas asociacións de persoas con discapacidade [6], coa industria, con institucións no ámbito da cultura, cos radiodifusores ou coas universidades para crear e implantar solucións que melloren a accesibilidade aos medios audiovisuais.
Ademais da luva de vibracións, o CESyA desenvolveu outras ferramentas para o acceso ao lecer e a cultura, como a Axenda Cultural Accesible [7] (cuxa aplicación está dispoñible de forma gratuíta en Apple Store e Google Play), que permite que o usuario, independentemente de onde viva, poida coñecer a oferta cultural española en calquera rexión, filtrando os resultados por provincia, tipo de accesibilidade e data. Outro artefacto patentado polo centro foi un prototipo de lentes de subtitulado con realidade aumentada que permiten a unha persoa con discapacidade auditiva, ou que non entenda o idioma, ver unha película con subtítulos de forma individual, grazas a un microcontrolador e un monóculo que proxectan os subtítulos no cristal da lente. O devandito enxeño foi elixido pola revista Time como un dos dez mellores inventos do ano 2007.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_11254.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.discapnet.es/areas-tematicas/salud/discapacidades/auditivas
[4] https://www.discapnet.es/areas-tematicas/accesibilidad
[5] http://www.discapnet.es/areas-tematicas/diseno-para-todos/accesibilidad-de-comunicacion
[6] https://www.discapnet.es/participa
[7] http://www.culturaaccesible.es/