
Un equipo de investigadoras e investigadores do CITIC da Universidade da Coruña (Campus de Elviña) atópase esta tempada realizando probas de dispositivos de Realidade Virtual na sala de demostradores do centro [3], da man de usuarios con diversidade funcional, co obxectivo de analizar a súa aplicabilidade e experiencia de uso.
Segundo informan fontes do CITIC, analizáronse por unha banda diferentes aplicacións comerciais dispoñibles en plataformas como STEAM e VIVPort para seren utilizadas logo co sistema de Realidade Virtual nas instalacións do centro. “Estas probas”, explica, “teñen o obxectivo de valorar a aplicabilidade de aplicacións comerciais no proceso de rehabilitación e intervención en actividades da vida diaria dirixida a persoas con diversidade funcional”.
Por outra banda, valorouse a experiencia de usuario durante e despois do uso da aplicación. Ademais, no marco do proxecto financiado pola convocatoria Programa Estatal de I+D+i Orientado aos Retos da Sociedade 2019 (proxectos coordinados), co título Avaliación e asesoramento para a mellor eficiencia e efectividade da tecnoloxía de apoio, tamén se están a desenvolver escenarios virtuais propios para simulación de diferentes situacións da vida cotiá. O obxectivo é “xerar diferentes opcións adaptables que permitan seleccionar escenarios axeitados ás características da persoa”. Isto, explica o CITIC, dará vantaxe aos profesionais de Terapia Ocupacional e Fisioterapia á hora de traballar mediante actividades cotiás nesta contorna virtual, de xeito individualizado e personalizado, que posteriormente poderá trasladarse á súa vida real.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_11179.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://citic.udc.es/gl/posta-en-marcha-de-probas-dos-dispositivos-de-realidade-virtual-na-sala-de-demostradores-do-citic/