Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia [3] (DOG) o anuncio da convocatoria para que os centros educativos poidan adherirse ao Programa DigiCraft no teu cole-II promovido pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e que ten como obxectivo potenciar o desenvolvemento das competencias dixitais na infancia e na mocidade.
Segundo se recolle na convocatoria que tamén pode consultarse no portal (https://www.edu.xunta.gal/portal/DigiCraft [4]), os centros interesados poderán realizar a súa solicitude ata o próximo 26 de xaneiro. Poderán beneficiarse desta iniciativa ata 200 centros escolares sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que impartan ensinanzas de 5º ou 6º de educación primaria nos cursos 2020-2021 e 2021-2022.
Impartiranse un total de tres itinerarios formativos por cada grupo participante, de 12 horas de duración cada un. No curso académico 20/21 o primeiro deles e no curso 21/22 os dous restantes, ata completar un total de 36 horas.
Os centros que se adhiran a DigiCraft terán acceso a formación para que o profesorado poidan impartir o programa nas aulas, así como aos materiais descargables para o desenvolvemento das actividades e dotación de tabletas e kits tecnolóxicos, que permitirán aos docentes e ao alumnado desenvolver as actividades establecidas.
O programa articúlase ao redor da metodoloxía DigiCraft, un sistema de aprendizaxe específica baseada no xogo e a experimentación, deseñada pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Universidade de Salamanca para axudar aos nenos e nenas a adaptarse a unha sociedade dixital en rápida evolución e para mostrarlles as posibilidades que o mundo dixital ofrece.
Os itinerarios están compostos por unha serie de actividades que van aumentando gradualmente en nivel de dificultade. Estas actividades combinan o mundo dixital e a tecnoloxía (a través do uso dos kits DigiCraft) co xogo, o aprender facendo e o desenvolvemento de habilidades motoras.
Ademais das referentes á Competencia Dixital (CD), trabállanse de forma recorrente e como base do programa outro tipo de competencias clave como a Competencia en Comunicación Lingüística (CCL), a Competencia para Aprender a Aprender (CPAA) ou o Sentido da Iniciativa e Espírito emprendedor (SIE). Neste sentido, as actividades impulsan o traballo en equipo, a resolución de problemas, a toma de decisións, a capacidade de comunicación oral e escritura, o razoamento crítico e a aprendizaxe autónoma, entre outras.
Galicia foi a primeira Comunidade na que a Fundación Vodafone España puxo en marcha DigiCraft no teu cole, como parte do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (DigiTalent), impulsado pola Amtega. Na primeira convocatoria, lanzada no curso 2019/20 sumáronse á iniciativa un total de 50 centros, que puxeron en marcha diferentes itinerarios formativos centrados en realidade aumentada, intelixencia artificial, videoxogos e robótica, dos que se beneficiaron 3.800 alumnos de educación primaria e 100 docentes dun total de 50 centros educativos galegos.
Dado o éxito e interese conseguido e co fin de permitir a entrada de novos centros ao proxecto, lánzase agora esta nova convocatoria.
DigiCraft no teu cole-II enmarcásese nas iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais. DigiTalent é un plan integral que atende aos diferentes perfís da cidadanía segundo o punto do ciclo vital no que se atopen.
O Plan está a impulsar numerosas iniciativas en colaboración cos axentes do ecosistema dixital. Toda a información sobre as actividades DigiTalent están no portal do Plan https://digitalent.xunta.gal/ [5].
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_11083.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210114/AnuncioG0177-070121-0001_gl.html
[4] https://www.edu.xunta.gal/portal/Digicraft
[5] https://digitalent.xunta.gal/