
A Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación, en colaboración coa EUD (European Union of the Deaf) e Huawei, puxeron en marcha unha páxina web [3] para que as familias de nenos e nenas xordos poidan aprender a contar contos en lingua de signos [4], e gozar así da experiencia de relatar historias ás súas fillas e fillos.
Co título 'Lingua de signos para familias. Aprende a contar contos de forma fácil e ao teu ritmo', este espazo virtual pretende dotar a nais, pais e outros familiares de menores xordos das estratexias necesarias para contar contos aos pequenos xordos [5] en lingua de signos. Entre elas, transmitir o relato con entusiasmo sen ningún tipo de vergoña, evitar os nervios, introducir a expresión corporal no relato, respectar o ritmo do neno ou nena, e aprender das súas reaccións.
Para a Fundación CNSE esta web, pioneira e única en España, contribuirá a mellorar a comunicación na contorna familiar, xa que a suma de lingua de signos e lingua oral xogan un papel moi importante nas interaccións temperás, e, polo tanto, no desenvolvemento cognitivo e emocional da infancia xorda. Neste sentido, a entidade incide en que a lingua de signos facilita o procesamento mental e a contextualización entre as nenas e nenos xordos, ademais de axudar á identificación e a comprensión de palabras, e favorecer o procesamento das mensaxes faladas: 'Esta lingua é vital para a aprendizaxe da lectura e a escritura, o que permite a adquisición de coñecementos, fomenta a curiosidade e a imaxinación, axúdaos a crecer como persoas, e alimenta o seu espírito crítico'.
Ademais, esta nova web resultará especialmente útil para aquelas familias que viven en pequenas localidades afastadas das grandes cidades e que atopan máis dificultades no acceso aos recursos. Grazas a esta páxina web, estas familias poderán coñecer máis de preto a lingua de signos e compartila e gozala nunha contorna familiar.
'Lingua de signos para familias' vén a engrosar a lista de iniciativas que Huawei dirixiu á infancia xorda, como é o caso de StorySign. Unha aplicación gratuíta e moi atractiva, que utiliza a intelixencia artificial e a realidade aumentada para traducir distintos contos infantís á lingua de signos. StorySign, que está dispoñible en 14 idiomas orais e signados, pretende fomentar o hábito lector entre as nenas e nenos xordos e adentralos nun universo cheo de fantasía e creatividade.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_11047.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://fundacioncnse.org/lsefamilias/
[4] https://www.discapnet.es/areas-tematicas/diseno-para-todos/accesibilidad-de-comunicacion/lengua-de-signos
[5] https://www.discapnet.es/areas-tematicas/salud/discapacidades/auditivas