
En novembro vaise celebrar a segunda edición dun evento no que se vai falar arreo sobre unha das cuestións máis candentes do panorama tecnolóxico e produtivo actual: a ciber-protección de datos, servidores e comunicacións. Estamos a falar de CyberSec@Gal [3], o foro galego sobre seguridade na empresa dixital, impulsado pola Cátedra R en Ciberseguridade (materializada pola operadora galega de telecomunicacións en colaboración coas universidades da Coruña e de Vigo) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG. A cita, que este ano porá o foco nos riscos no teletraballo, conta coa colaboración do Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC [4].
O evento desenvolverase do 2 ao 5 de novembro e abordará a normativa, solucións, retos e ameazas no eido da seguridade do universo dixital no teletraballo. Amais, no capítulo de recoñecementos ao traballo innovador, CyberSec@Gal premiará pola súa excelencia académica a estudantes das universidades galegas cun premio á Tese de Doutoramento en Ciberseguridade, valorado en 700 €; dous premios á Tese de Fin de Mestrado en Ciberseguridade na UVigo e UDC, valorados en 400 € cada uno; e dous premios á Tese de Fin de Grado en Ciberseguridade na UVigo e na UDC, valorados en 300 € cada un deles. As dúas primeiras xornadas de CyberSec@Gal acubillarán obradoiros en liña orientados a estudantes do Sistema Universitario Galego e de Formación Profesional, que teñen como fin captar talento en ciberseguridade. Durante a terceira xornada levaranse a cabo charlas técnicas orientadas a profesionais e lanzarase un ciber-reto online cun premio final de 500 €. O sistema empresarial galego estará tamén representado na cuarta xornada do evento, que se desenvolverá de xeito semipresencial e tratará os riscos no teletraballo nunha mesa redonda específica nesta temática.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10937.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://catedrarciberseguridade.com/cybersec_gl.html
[4] https://citic.udc.es/gl/cybersecgal-celebrarase-en-novembro-con-talleres-charlas-e-premios-no-eido-da-ciberseguridade/