
A área de Benestar Social do Concello de Lugo que dirixe a edil Olga López Racamonde organiza este outono dous cursos TIC [3] para favorecer o uso das novas tecnoloxías entre a veciñanza e rachar con problemas de exclusión por este motivo: por unha banda un curso de alfabetización dixital dirixido a persoas maiores de 65 anos que teñan interese pola aprendizaxe do funcionamento das ditas ferramentas da información e a comunicación, e pola outra unha actividade formativa dirixida a achegar competencias en Administración Electrónica, neste caso, destinado a persoas usuarias dos Servizos Sociais que xa teñan coñecementos básicos no manexo do ordenador.
A formación desenvolverase na aula CeMIT María Balteira e no Edificio de Novas Tecnoloxías, onde se habilitarán 9 prazas por curso e centro coa posibilidade de facelo tanto en quenda de mañá como de tarde. Para o de alfabetización dixital realizaranse, en total, catro convocatorias, en períodos de 10 días, a razón dunha hora por xornada. As persoas interesadas en participar nel deberán indicar na solicitude cales son as súas preferencias de localización e horario.
Segundo indicou a concelleira, dende o servizo priorizarase a situación de vulnerabilidade das e dos usuarios, en canto aos recursos económicos dos que dispoñen pero tamén se terán en conta outros factores como o nivel de soidade ou o descoñecemento do uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), etc.
A inscrición poderá realizarse, do 6 ao 9 de outubro, ben a través dos números de teléfono 646 706 344/ 689 307 601 en horario de 9.00 a 14.00 horas; ben do correo electrónico animacion.sociocultural@lugo.gal [4] ou ben de xeito presencial, solicitando cita previa nos centros sociais Maruja Mallo ou Milagrosa.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10904.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://concellodelugo.gal/gl/novas/benestar-organiza-cursos-de-capacitacion-dixital-dirixidos-terceira-idade-e-persoas-usuarias
[4] mailto:animacion.sociocultural@lugo.gal