
A aula CeMIT de Narón retomou a súa actividade con varias actividades formativas destinadas a reducir a fenda dixital entre a cidadanía [3]. A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou que a actividade reiníciase cun curso preparatorio para as probas de obtención do CODIX e con outro sobre Internet e informática básica. As actividades retómanse “seguindo todas as recomendacións sanitarias de prevención da COVID19 e volvendo de xeito paulatino á normalidade nestas aulas formativas”.
No que respecta ao Curso preparatorio do exame CODIX as alumnas e alumnos rematarán nas vindeiras semanas, ata o 14 de agosto, as 125 horas formativas que quedaron pendentes de impartir por mor da emerxencia sanitaria. As clases serán de 9.00 a 14.00 horas.
Así mesmo, no caso do alumnado do Curso de Internet e informática básica, quedaron pendentes de realizar 48 horas, que se reinician esta semana na quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, e que se completarán o 28 deste mes, cando finalice este curso, tal e como explicou Hermida.
A edil responsable da área indicou que “unha vez que rematen estes dous cursos, a previsión do Concello é dar continuidade á formación coas accións formativas que figuran na plataforma de aulas Cemit da Xunta e que xa estaban previstos para este ano na programación municipal”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10734.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.naron.es/web/cat/gal/noticias/get/3826/