
A aula de informática municipal do Concello de Teo vén con tecnoloxías para a rapazada nesta recta inicial do verán: un programa de dous obradoiros de robótica para achegar lecer, coñecementos e formación útil, entretida e segura ás crianzas do concello [3]. O primeiro obradoiro, baixo o título Scratch+Lego está dirixido a nenos/as empadroados/as no concello de 8 aos 11 anos. Será do 13 ao 17 de xullo de 10 a 12 horas na aula de informática municipal. Durante as 10 horas que dura o curso as persoas participantes construirán robots de Lego e comezarán a programar coa ferramenta de programación para escolares Scratch.
O segundo obradoiro é sobre Arduino, unha plataforma de desenvolvemento baseada nunha placa electrónica de hardware libre que incorpora un microcontrolador re-programable e unha serie de pins femia que aprenderán a recoñecer os asistentes ao obradoiro. Neste caso está dirixido a nenos/as empadroados/as de 12 aos 16 anos e celebrarase do 20 ao 24 de xullo de 10 a 12 horas. Para anotarse hai que entregar a ficha de inscrición [4] (PDF) e presentala por sede electrónica ou no Rexistro Xeral do Concello. O prazo está aberto do 30 de xuño ao 10 de xullo para o curso de Scratch+Lego e ata o 17 para o de Arduino. As prazas ofertadas son 8 para cada un dos obradoiros e debe haber un mínimo de 5 inscricións para realizar a actividade.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10719.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.teo.gal/gl/actualidade/2020/obradoiros-de-robotica-para-o-veran-na-aula-de-informatica
[4] https://www.teo.gal/sites/default/files/arquivos_nova/ficha%20inscrici%C3%B3n%20robotica%20VERAN.pdf