
A Universidade de Vigo, por segundo ano consecutivo, estará na final do certame Vodafone Campus Lab [3] xunto coa Universidade de Alacante e a Politécnica de Catalunya. Como lembraremos, o Campus da operadora de telecomunicacións é un programa de formación online onde estudantes universitarios de diferentes disciplinas traballan en equipo para crear solucións a retos de innovación. A final celébrase este 25 de xuño ás 12.00 horas en formato webinar [4].
Nesta ocasión a participación viguesa chega da man de Somos Opopona, seis alumnos e unha alumna dos graos de enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación e Organización Industrial que compiten no concurso cunha aplicación de móbil dirixida a asistir a persoas con discapacidade visual en aeroportos. “Temos bastantes nervios, pero agardamos facer unha boa presentación e poder culminar o traballo que levamos facendo todo o ano”, explica Roi Martínez, estudante do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, ao que tamén engade que, “independentemente do resultado, confiamos no noso proxecto e agardamos poder facelo realidade, se non é agora si nun futuro non moi afastado”. Xunto a Martínez integran o equipo Sergio Arcay, Andrea Busto, Pablo Cachafeiro, Marcos Cordeiro e Javier Rey, estudantes do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Alfonso Castro, alumno do Grao de Enxeñaría en Organización Industrial, da Escola de Enxeñería Industrial. A aplicación para móbil deseñada polo equipo vigués chámase Optemis e pretende, empregando tecnoloxías de análise de datos a gran escala (Big Data), desenvolver tecnoloxías de xeolocalización en interiores e procesado de imaxe, guiar ao usuario con discapacidade visual á súa porta de embarque en aeroportos, empregando as rutas menos transitadas.
Ademais, tamén ofrece a posibilidade de localizar a equipaxe e atopar outros servizos dentro das instalacións. O premio para o equipo gañador consistirá en ata 10.000 euros para desenvolver o seu produto/servizo e tres meses de asesoramento por parte de profesionais de Vodafone.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10695.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/segundo-ano-consecutivo-enxenaria-viguesa-acada-final-vodafone-campus-lab
[4] https://origin.eps.ua.es/servicios/noticiaeps/04529/en/eps/ontwitter.com/ontwitter.com/share