
As operadoras telefónicas, en termos xerais, están demostrando estar á altura das circunstancias durante este tempos de confinamento, reclusión forzosa da cidadanía e crise sanitaria. Á longa listaxe de melloras nos seus servizos hai que engadir a apertura de boa parte dos mesmos ou, tamén, a posta en marcha de iniciativas directamente solidarias e humanitarias. Nun punto equidistante entre estes ámbitos de actuación, Movistar impulsou unha iniciativa que pon o foco nas persoas maiores e nas súas necesidades [3]: trátase dun servizo especial de atención telefónica que reduce ao máximo os pasos para obteren información ou resolver avarías de voz ou conectividade. En Galicia xa empregaron o servizo preto de 6.000 usuarios de máis de 65 anos, entre o 2 e o 5 de abril.
Segundo informa Movistar, do que se trata é de dar prioridade á atención personalizada e de facer máis sinxelas as locucións, poñendo a disposición dos maiores teleoperadores “dispostos a guialos con paciencia no proceso de información ou solución de incidencias”. A operadora tamén informa que esta iniciativa supón “o meirande nivel de prioridade e de personalización na atención posto en marcha até agora pola compañía, superior mesmo ao servizo Priority do que dispoñen os mellores clientes”.
O servizo ponse en marcha cando, ao chamar ao 1004, aparece a locución que nos pon ao tanto da situación de emerxencia da COVID-19 e da posibilidade, se somos maiores de 65 anos, de recibir atención urxente e prioridade na chamada, unha cuestión á que deberemos contestar positivamente. O servizo actívase tamén cando se di que o motivo é unha avaría, ligando nese caso, directamente e sen pasos intermedios, cun axente telefónico.
Ademais das vantaxes sinaladas, os maiores teñen á súa disposición a un experto tecnolóxico que lles axuda coa configuración da súa Wi-Fi, computador, smartphone, videoconsola ou Smart TV. Se finalmente non se consegue arranxar a avaría, esta etiquétase como prioritaria para que sexa tratada no menor tempo posible tanto de forma remota como de xeito presencial. O sistema ocúpase tamén de centralizar a xestión e evitar que os maiores teñan que contar o seu problema a máis dun axente.
Respecto da nosa terra, o nivel de prioridade fai que en Galicia se estea atendendo a máis do 90% das chamadas recibidas, “que na súa inmensa maioría teñen que ver con incidencias de voz, TV e conectividade”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10561.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://atlanticacomunicacion.com/movistar-pone-en-marcha-en-galicia-un-servicio-especial-de-atencion-telefonica-para-los-mayores/