
O Día Internacional das Rapazas nas TIC será este ano, máis ca nunca, unha celebración do potencial das tecnoloxías para facer fronte común contra a adversidade e, tamén, unha conmemoración de todas as grandes cousas que teñen que dicir as nenas, as mozas e as mulleres en materia dixital. Será o 23 de abril a partir das 11.00 horas e este ano, por mor da pandemia de COVID-19, potenciarase unha vertente virtual que xa viña de antigo [3] (todas as edicións galegas da xornada abriron xanelas en streaming cos institutos de secundaria da nosa terra).
O Día das Rapazas nas TIC vén da man da Secretaría Xeral de Igualdade e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Participarán catro tecnólogas galegas mostrando o seu día a día e a importancia de seguir preparando o terreo para a incorporación de novas profesionais do coñecemento e a innovación. Na cita, escolares de toda Galicia están convidadas e convidados a coñecer, da man das catro relatoras, importantes achados en materia de Intelixencia Artificial, videoxogos, comunicacións de radio e tecnoloxías de arqueoloxía moderna. A cita galega, na que tamén xuntan forzas a Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas (AMIT) e a Asociación Puntogal, é a oitava convocatoria do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day). Celebrarase o vindeiro 23 de abril no CESGA e será retransmitida en directo a través de Internet de 11 a 12 horas para todos os escolares de Galicia.
Este ano, debido á situación de Estado de Alarma pola pandemia do COVID-19, a xornada organizarase dunha maneira diferente mediante multiconferencia web. Será, en palabras da organización, “unha gran oportunidade para coñecer a catro protagonistas que contarán, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todos e todas”. A través destes catro relatorios, o alumnado terá a oportunidade de preguntar e consultar calquera dúbida sobre o seu traballo. Participarán catro mulleres galegas excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas:
Segundo informan as entidades organizadoras, para participar neste coloquio en directo só é preciso enviar un correo electrónico a e-learning@cesga.es [4], indicando o curso e o centro ao que pertence o alumno e desde que localidade se conecta. Tamén é recomendable indicar o tipo de dispositivo (se é unha computadora, unha tableta, un móbil…) co que se conecta. Pódese seguir e difundir toda a información do evento e das actividades na web de eLearning do CESGA [5] e no seu Twitter @ICTGoGirls [6].
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar positivamente as novas tecnoloxías para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento está organizado e promovido polo CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA, AMIT e a Asociación.GAL. Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica, Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVIGO), a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), GalsTech, Hello Sisters! e MujeresTech. A Secretaría Xeral de Igualdade e o CESGA, promotor e coordinador do proxecto europeo ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), considerado como referente pola propia Unión Europea, levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC), especialmente para conseguir que as mulleres alcancen unha presenza igualitaria no sector dixital, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera chave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10527.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.cpeig.gal/portal/node/3732
[4] mailto:e-learning@cesga.es
[5] https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/dia-rapazas-nas-tic/
[6] http://twitter.com/ICTGoGirls