O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde de axudas destinadas ás entidades de iniciativa social de Galicia que traballan a favor dos colectivos máis desfavorecidos. A Consellería de Traballo e Benestar destina este ano 2,9 millóns de euros a este fin incluíndo na convocatoria destas subvencións importantes novidades e melloras.
Unha das principais é que o departamento autonómico garantirá a axuda pública a todos os albergues, comedores e centros de acollida que teñan autorización oficial da Xunta, para o que se contará cun orzamento de 1,5 millóns de euros dos 2,9 millóns. Deste xeito, estas axudas non se concederán por concorrencia competitiva, como ata agora, senón que están garantidas para todas as entidades autorizadas e terán un importe fixo por cada persoa atendida.
O investimento global de 2,9 millóns de euros é o resultado da unificación de tres ordes (albergues e comedores, programas para entidades de iniciativa social e para as persoas inmigrantes) nunha soa convocatoria, mantendo o orzamento total destinado a estes proxectos no exercicio anterior.
Esta novidade permite unha maior axilidade na tramitación dos expedientes, ademais de procurar a máxima eficiencia, ao tempo que se tenta facer un procedemento máis claro que facilite a estas entidades a solicitude destes programas.
Esta modificación tamén ven ligada ao cambio de estrutura da Consellería na nova lexislatura, na que o departamento autonómico asumiu as competencias de inmigración dentro da Dirección Xeral de Familia e Inclusión.
As entidades sociais interesadas en recibir estas axudas contarán co prazo dun mes para presentar as súas solicitudes, que se deberán tramitar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es [2].
Ademais desta unificación, esta orde recolle outra modificación: a contía das axudas vai estar directamente vinculada ao número de persoas atendidas. Ata este ano as entidades xustificaban a súa actividade presentando xustificantes da execución dos programas mentres que, a partir de agora, o que se van xustificar son os servizos.
A orde tamén inclúe subvencións para programas de entidades de iniciativa social, concedidas por concorrencia competitiva, e divididas en tres tipoloxías: programas complementarios aos servizos sociais comunitarios, programas de inclusión que aposten pola creación dun itinerario sociolaboral e programas específicos de integración para a poboación inmigrante.
Por último, as entidades poderán xustificar a súa actividade desde o pasado 1 de xaneiro, e, polo tanto, o financiamento da mesma computará desde principio de ano e non desde a data da resolución da orde.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[2] https://sede.xunta.es