
A partir do 11 de novembro (até o día 30) vaise desenvolver na Coruña unha actividade formativa e divulgativa de gran interese para toda aquela rapazada que queira introducirse no camiño dos videoxogos: non un camiño calquera, senón un vieiro activo de construción, deseño e desenvolvemento. O obradoiro BiblioTECH de programación de videoxogos vai destinado a nenas e nenos de entre 10 e 16 anos, todos os sábados de novembro en horario de 11.30 horas a 13.30 horas [3]. As inscrición poden ir formalizándose a partir do día 2 do mes vindeiro, até o día 9. As sesións levaranse a cabo na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil Durán Loriga, da rúa do mesmo nome.
Segundo informan o Concello da Coruña e a Biblioteca, o fundamento do obradoiro é a programación orientada á creación de videoxogos (aínda que realmente os coñecementos adquiridos serven para todo tipo de aplicacións), para o que se contará con ferramentas de deseño en dúas e tres dimensións (como Scratch, programa gratuíto do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts; Sploder, tamén gratuíto, que funciona cunha programación totalmente gráfica; e Kodu 3D, outro recurso de balde para o deseño de videoxogos en 3D, neste caso de Microsoft). Acerca das vantaxes e beneficios que se abren con esta actividade formativa, o Concello lembra que “a programación é unha disciplina lúdica e educativa, versátil e creativa, que premia a investigación e coa que quen programa pode atopar os seus obxectivos ou metas”. E engade: “A programación é quen de lanzarnos unha mensaxe moi positiva: non hai opcións malas, senón moitas e diferentes posibilidades”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10368.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.coruna.gal/portal/gl/axenda/historico/detalles-historicos/bibliotech-taller-de-programacion-de-videoxogos/suceso/1453703472850