
A empresa tecnolóxica Aldaba [3], con sede principal na Coruña, vén de xuntar forzas coas universidades da Coruña e Vigo para crear unha iniciativa conxunta de formación TIC dende unha óptica feminina, tirar abaixo estereotipos de xénero na docencia dixital e fomentar a empregabilidade do alumnado galego. A Cátedra Aldaba WIB (Women, ICT and Business) foi presentada hoxe nos seus detalles polo reitor da UDC, Julio Abalde, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o director da devandita empresa TIC, Enrique Fernández Pérez [4].
Na súa reunión formalizaron o acordo para a constitución da cátedra, que ten o obxectivo de facilitar “a incorporación laboral dos estudantes da Facultade da Informática da UDC e da Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo, así como mostrar a relevante presenza das mulleres no eido TIC”. Con isto último búscase espertar vocacións tecnolóxicas entre as mozas. Abalde e Reigosa salientaron “o carácter exemplar desta Cátedra interuniversitaria”, a segunda existente entre ambas as dúas entidades. Tamén destacaron a importancia da relación público-privada que se establece coa empresa Aldada, acabada de premiar polo Consello Social da UDC cun galardón que pon de manifesto o seu espírito innovador. Pola súa banda, o director da empresa explicou que esta Cátedra ten como “finalidade incentivar as vocacións tecnolóxicas femininas”, para o que están previstas unha serie de actividades en colexios e institutos. Neste punto, o reitor da UDC apuntou o dato de matrícula de mulleres en Informática que está no 12%, na liña doutras universidades españolas e do resto de Europa e “cunha tendencia á baixa”. Segundo fixo saber, combater estas cifras é hoxe en día un dos grandes desafíos, sobre todo polo importante talento feminino que a docencia e o empresariado TIC deixan de gañar.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10292.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.aldaba.es/
[4] https://www.udc.gal/gl/novas/As-universidades-da-Coruna-e-Vigo-e-a-empresa-Aldaba-crean-a-Catedra-Aldaba-WIB-Women-ICT-Business/