
Máis de 150 escolares de Ourense participarán a partir desta semana en tres xornadas organizadas pola Tecnópole [3] co obxectivo de impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. O programa de citas de divulgación da Tecnópole, que o ano pasado constou de dúas xornadas, amplía en 2019 a participación do Parque Tecnolóxico de Galicia na iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) [4] e na que teñen parte activa 17 parques de toda España.
A primeira xornada será este venres 4 de outubro, coa participación de estudantes do Colexio Maristas de Ourense. Os días 10 e 17 de outubro serán senllos grupos do Colexio Plurilingüe Divina Pastora e do IES Ramón Otero Pedrayo os que se trasladen ao Parque Tecnolóxico de Galicia para ter presenza activa na iniciativa, deseñada para aumentar o número de alumnas que se matriculan na especialidade de ciencias ou tecnoloxía na educación secundaria, contribuíndo así a romper a fenda de xénero nos estudos STEM (siglas en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). O programa de actividades deseñado por Tecnópole porá o foco en dotar de referentes e modelos de inspiración para as rapazas. Por unha parte, visitarán unha exposición que fai un percorrido por 19 mulleres científicas e tecnólogas de todos os tempos e, por outra, terán ocasión de compartir en primeira persoa a experiencia de varias galegas con perfís destacados nestas áreas. Ademais, participarán en dous obradoiros nos que se lles proporán retos que deberán resolver en grupo mediante solucións innovadoras. As ganadoras competirán con equipos de toda España por un premio final. Todas as participantes nas xornadas recibirán a guía Que quero ser de maior?, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10279_0.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.tecnopole.es/
[4] https://www.apte.org/