
Cristóbal Cuenca Almenar, experto en Intelixencia Artificial e doutor en Física de Partículas pola Universidade de Valencia, estará este venres 20 de setembro en Ferrol, ao abeiro do ciclo Café con Ciencia [3], para falar da súa experiencia investigadora en sistemas intelixentes e no desenvolvemento de aplicacións fintech innovadoras, rendibles e centradas nas persoas, no ben social e na sustentabilidade. A cita, que vén da man da empresa Ártabro Tech e a Universidade da Coruña, celebrarase no salón do primeiro andar do Casino Ferrolán, ás 19.30 horas.
Segundo nos lembran Ártabro Tech e a UDC, Cristóbal Cuenca conta cunha longa carreira como investigador en España e no estranxeiro. Amais, ao abeiro da startup Clarity AI, na que traballa, desenvolveu unha ferramenta para orientar os investimentos financeiros non só polo seu rendemento económico, senón tamén polo social e ambiental. O seu relatorio convócase baixo o seguinte epígrafe: Ciencia de datos para investir nun mundo mellor.
En palabras de Ártabro Tech, a empresa de Cristóbal Cuenca é un exemplo de como a tecnoloxía pode enfocarse a mellorar o mundo. A súa creadora, Rebeca Minguela (incluída na lista dos 100 emprendedores de menos de 40 anos máis influentes do Foro Económico Mundial) lanzou Clarity AI co convencemento de “que a tecnoloxía pode ser unha ferramenta para combater a desigualdade”. A startup desenvolveu un software que determina, a través da análise dunha enorme cantidade de datos, cal é o impacto ético, social e ambiental dos investimentos, é dicir, busca o mellor lugar para poñer o diñeiro, pensando no ben dos petos propios pero tamén nos petos alleos, no desenvolvemento integral e no beneficio da contorna natural.
Cristóbal Cuenca desenvolveu a súa actividade científica no laboratorio Fermilab, en Chicago, onde realizou a súa tese doutoral, e no CERN como investigador postdoutoural en proxectos para a Universidade Irvine e a Universidade de Yale. Cursou un MBA no IE Business School en Madrid e traballou no eido da Ciencia de Datos en diferentes empresas.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10230.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.artabrotech.com/cafe-ciencia/